A Coruña e Ferrol piden a peaxe do Morrazo

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago A Coruña

A Coruña CIDADE

ANGEL MANSO

Os empresarios esixen a gratuidade do tramo ou polo menos rebaixas como as de Pontevedra-Vigo

13 ene 2019 . Actualizado ás 21:59 h.

O 15 de decembro do 2003 inaugurouse o último tramo do ramal da autoestrada que conecta A Coruña con Ferrol. O fin da obra tamén o foi dos longos atascos que sufrían a diario centos de condutores en Fene . Ese último tramo, o acceso norte á cidade naval, non se gravou con peaxe. O último pagamento mantívose en Fene. A tarifa a 1 de xaneiro do 2004, co último tramo case do trinque, ascendía a 3,05 euros para os vehículos lixeiros.

Desde entón non parou de subir ata acadar os 4,75 euros actuais. Ese aumento de 1,70 euros en 14 anos supón que se encareceu en algo máis de 12 céntimos ao ano, un cada mes.

Os prezos botan a moitos condutores á estrada, moito máis lenta e perigosa que a autoestrada, e que atravesa o centro urbano de varias poboacións como Fene, Cabanas ou Pontedeume. Os transportistas que circulen con camións de 36 toneladas nin teñen esa opción, deben ir pola autoestrada porque teñen vetado a ponte do Pedrido.

O encarecemento ten un impacto directo na actividade económica e no emprego. Así o denuncia a Asociación de Empresarios de Ferrolterra (AEF), que reclamou a supresión da peaxe, como se fixo no tramo entre Vigo e O Morrazo ou entre A Coruña e A Barcala. Os empresarios coruñeses sumáronse a esa reivindicación, ao considerar que lastra a creación de postos de traballo e a competitividade, sobre todo fronte a compañas que non fan fronte ao custo extra da peaxe.

O presidente da AEF, José Ramón Franco, sinala o caso do tramo entre Pontevedra e Vigo, no que os condutores que utilizan o sistema de pagamento automático VIA-T non deben facer fronte á segunda peaxe se fan unha viaxe de ida e volta no mesmo día laborable. «Téñennos que facer unha mellora dalgunha forma», di Franco, que agradece o respaldo que os empresarios da Coruña e os transportistas prestaron á reivindicación.

O presidente da AEF está seguro de que a aplicación dun desconto desas características veríase de inmediato compensada polo aumento de usuarios que rexistraría a autoestrada: «Se o baixan circularía moita máis xente e creo que recuperarían a diferenza sen problemas. Cos prezos actuais moitos particulares optan pola estrada, e tamén moitísimos transportes e paquetería». Franco insiste en que hai que manter a reivindicación, porque á vista do sucedido, nada indica que os prezos se vaian a moderar sos.