Belén Fernández: «Temos unha débeda histórica coas mulleres migrantes que coidan»

Antía Díaz Leal
antía díaz leal A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Belén Fernández Suárez é profesora de Socioloxía na Universidade da Coruña e coordinadora do proxecto «Coidando ás que coidan»
Belén Fernández Suárez é profesora de Socioloxía na Universidade da Coruña e coordinadora do proxecto «Coidando ás que coidan» CÉSAR QUIAN

A profesora de Socioloxía e coordinadora do proxecto «Coidando ás que coidan» analiza como chegan á xubilación estas traballadoras

14 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

España e Italia son os dous países da Unión Europea con máis traballadoras do fogar, e a maioría son inmigrantes. Como afrontan a xubilación cando chegan aos 65 anos? Responder a esta pregunta é o obxectivo do proxecto Coidando ás que coidan, que coordina a profesora da Universidade da Coruña Belén Fernández Suárez (A Coruña, 1977)

—Como xurde a idea desta investigación?

—É un proxecto que está financiado polo Instituto das Mulleres, e a idea que tiñamos era empezar a investigar que está sucedendo con aquelas mulleres migrantes que son maiores, que cumpriron 65 anos e que traballaron en España no sector dos coidados, do traballo no fogar, e ver un pouco como están organizando as súas estratexias de xubilación, que está pasando coas súas vidas laborais, como chegan a esa idade. Sabemos que as maiores de 65 anos son o 10 % das mulleres migrantes en España. Temos unha certa débeda histórica con todas as mulleres que coidan, pero desde logo desde fai vinte anos para aquí, coas mulleres migrantes que se encargaron de coidar a persoas dependentes, a menores, e isto posibilitou unha mellor inserción laboral das mulleres españolas e galegas no mercado laboral.

—Como se vai a desenvolver o proxecto?

—Centrándonos en dous colectivos de mulleres migrantes que teñen unha longa traxectoria en España. O colectivo caboverdiano, que ten unha presenza importante en Galicia, en Castela e León e en Madrid, e o colectivo de mulleres dominicanas, que tamén ten unha forte presenza especialmente en Madrid, pero tamén en Galicia. Sabemos que unha porcentaxe importante destas mulleres incorporouse aos sectores dos coidados. Queremos facerlles entrevistas para coñecer a situación agora que están en xubilación e permanecen en España. E tamén nos interesa entrevistar a mulleres que estean actualmente nos servizos de coidados, de traballo no fogar para ver cales son as súas expectativas de cara á xubilación. E dar visibilidade ao seu traballo e as particularidades que ten, como poden ser moitos problemas de saúde, de articulacións, lumbalxias... que non se recoñecen aínda como enfermidades profesionais. Moitas chegan á idade de xubilación con situacións de enfermidades derivadas da súa actividade profesional, con poucos anos cotizados á Seguridad Social.

—Neste último punto, percibides diferenzas entre distintas xeracións, xa que agora as mulleres que traballan nos coidados do fogar teñen máis protección?

—Si, creo que aquí hai que darlle valor ao traballo de reivindicación que fixeron as asociacións, entre elas Territorio Doméstico [que colabora neste proxecto], un traballo de denuncia social e de incidencia política, que consegue melloras, como a ratificación de España do convenio da Organización Internacional do Traballo que posibilita o acceso á prestación por desemprego, que antes non tiñan. Hai unha loita tamén de denuncia das condicións que teñen que sufrir moitas mulleres que estiveron traballando sen que os seus empregadores cotizasen por elas.

—Agora empeza a investigación, cando presentarán as conclusións?

—É un proxecto de curta duración, ata decembro de 2026. Xa tivemos as primeiras reunións. En principio teremos dous actos de difusión entre outubro e novembro na Coruña e en Madrid para dar a coñecer os resultados e intentaremos difundilo a través dos medios de comunicación para darlle relevancia aos descubrimentos que teñamos en torno ao tema.

Outros proxectos: O grupo Mulleres á fronte, que integra investigadoras das tres universidades galegas e do que forma parte Belén Fernández, presenta o día 18 (19 horas, auditorio de Afundación) o directorio de mulleres migrantes nas artes escénicas en Galicia, en colaboración coa organización Ecos do Sur.

«Hai que debater máis como afrontamos esta crise de coidados»

No proxecto participan tamén dúas expertas internacionais, Celeste Fortes, investigadora na Universidade de Cabo Verde, e Claudia Pedone, da Universidade de Bos Aires, que traballou coa comunidade dominicana en España.

—Elas forman parte do grupo de investigación, e por outro lado traballamos con Territorio Doméstico, que é unha asociación que nace en Madrid, vinculada ao traballo no fogar, que nos parecía moi interesante incorporala. Temos tamén a Asociación Amílcar Cabral, a asociación de inmigrantes máis antiga en España, que está tamén asociada ao colectivo caboverdiano. Nós xa temos tamén unha traxectoria como grupo de investigación, levamos xa dous proxectos, neste caso financiados pola Xunta, en relación ao tema de coidados coa comunidade de Cabo Verde, e un terceiro proxecto financiado polo Instituto das Mulleres.

—Desta experiencia previa parte a idea de facer esta investigación?

—Si, moitas destas mulleres teñen unha traxectoria neste sector, moitas delas continúan en activo, levan un longo tempo traballando e en moitos casos comentan que teñen moitas dores asociadas á intensidade do traballo, a preocupación tamén de que vai pasar no momento da xubilación, hai problemáticas que teñen que ver co longo período para regularizar a súa situación en España, levan moito tempo empregadas pero non tanto de alta na Seguridad Social. E por outra vía, darlle ese empaque ao traballo doméstico para recomendar intervencións en políticas públicas e sociais que melloren a situación destas mulleres.

—E tamén darlle importancia académica?

—Si, si, desde logo. E importancia social, que debatamos máis como afrontar esta crise de coidados.