Carballo: un concello con moito diñeiro e bastante emigración

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

O ECUADOR DO MANDATO | As cifras que definen ao municipio, con alto potencial turístico: habitantes, investimento en obra, millóns no banco... Doutro lado, unha fronte marítima a piques de cambiar

23 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Carballo é moitas cousas, e entre elas un conglomerado de cifras que serven para radiografiar unha realidade diversa. Na Costa da Morte é dos que mellor se comportan ante o bajón demográfico, pero en Galicia caeu dous postos ante o empurre metropolitano de Ames e Arteixo, que xa o superan: ocupa agora o posto 13 nos municipios máis poboados cos 31.429 habitantes (que xa son máis, aínda non de xeito oficial, e de feito a capital municipal é a parroquia máis poboada das case 3.800 de Galicia).

O auxe do polígono e da futura ampliación debería levantar esta posición. Carballo é un dos concellos que máis obra licitan de Galicia, por amais de cidades ou municipios que o superan de longo en poboación, co evidente impacto nas súas empresas e empregos. O municipio ten case 2.400 desempregados, segundo as cifras mensuais da Consellería de Economía, e pouco máis de seis mil emigrantes de tres xeracións acumuladas.

Once millóns de euros no banco e seis para gastar, en marcha desde hai semanas, un dos remanentes máis importantes da Coruña. Un orzamento de 26 millóns para este ano que acabará superando os 30. O municipio posúe un potencial turístico dos mellores da provincia, e unha das principais capacidades hostaleiras da zona. En mobilidade, apostou no seu momento por opcións arriscadas (e protestadas) que ao final as está implantando incluso a DXT.

A fronte marítima, a piques de cambiar

Un dos elementos de identidades do municipio de Carballo é a fachada litoral de Razo e Baldaio. Cambiará radicalmente nos próximos anos, cun proceso de plans especiais en marcha: coches fose do bordo marítimo, máis zonas verdes, aparcadoiros afastados do mar, rúas reservadas a residentes... Unha revolución aínda sobre o plano que chamará a atención cando sexa unha realidade.