O núcleo de Carballo consolida a base dos 20.000 veciños

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Rus, Berdillo, Sofán e Bértoa superan o listón do milleiro. Consulta aquí cantos habitantes ten a parroquia na que vives

22 ene 2021 . Actualizado á 05:00 h.

A parroquia de Carballo consolidou a base dos 20.000 veciños empadroados, unha cifra simbólica, pero representativa do crecemento, que xa figura nos novos datos oficiais (e anuais) do Instituto Nacional de Estatística (INE), os do Nomenclátor, publicado onte. En concreto, San Xoán de Carballo aparece con 20.075 veciños (e 31.429 en todo o municipio), fronte aos 19.909 do ano anterior. En realidade, fai algo máis dun ano que o Concello xa manexaba datos por amais dese límite redondo, ata os 20.132, aínda que considerando entón o armazón urbano que nalgúns puntos vai máis aló da liña administrativa, como o caso da primeira parte da avenida de Bértoa. En todo caso, mantén na capital de Bergantiños entre os núcleos de poboación máis importantes de Galicia, cidades incluídas.

Un bo exemplo comparativo é Arteixo, que a nivel municipal xa superou a Carballo, con 32.738 habitantes. Pero non como parroquia, xa que ten 13.685 veciños, nin por suposto como lugar, con 12.909. Os tres criterios de medición son os que adoitan xerar algunha confusión ao distinguir os tres ámbitos. En Carballo, o núcleo estrito ten 19.168, e chega aos 20.075 cos demais lugares da parroquia (A Revolta, A Ponte Rosende...). No ano 2000, a parroquia carballesa tiña só 14.671 empadroados. Desde entón, o ámbito urbano foille comendo terreo ao rural.

Con todo, en Carballo hai catro parroquias máis que superan os mil habitantes. Unha cifra notable que moi poucas/pouas da zona (en total hai 137) alcanzan, como non sexan as das capitais municipais, e nin sequera todas. As carballesas son a de Berdillo, con 1.003 veciños, e a de Rus, con mil xustos para o INE. As seguintes son Sofán, con 1.426, e Bértoa, con 1.558. Durante moitos anos Sofán foi a segundo do municipio, un posto que xa cedeu en beneficio da máis urbana (sobre todo no seu parte oeste) Bértoa.

En detalle, os datos de Carballo

 Parroquia 2020 (2000)
 Aldemunde 84 (133)
 Ardaña 620 (787)
 Artes 591 (685)
 Berdillo 1.003 (1.069)
 Bértoa 1.558 (1.499)
 Cances 536 (672)
 Carballo 20.075 (14.671)
 Entrecruces 770 (972)
 Goiáns 421 (473)
 Lema 421 (555)
 Noicela 402 (500)
 Oza 568 (783)
 Razo 804 (891)
 Rebordelos 204 (245)
 Rus 1.000 (1.359)
 Sísamo 759 (886)
 Sofán 1.426 (1.844)
 Vilela 187 (247)

Outros exemplos comarcais

A Laracha tamén ten tres parroquias que superan o milleiro de veciños: Cabovilaño (1.106), Lestón (1.319), e por suposto a capital municipal, Torás, con 4.040, que é, por certo, a terceira con máis habitantes da zona, tras a de Carballo e a de Cee (4.511). Sen ser capital de concello, Baio suma 1.171 habitantes; Cesullas, en Cabana, 1.296 (aínda que si inclúe a zona do consistorio, pero é unha parroquia moi diseminada, con perfil máis rural que urbano); Camelle, en Camariñas, 1.078, e Rodís, en Cerceda., 1.153 veciños. Corme Porto ten 1.068, e a de Tella gaña por moi pouco: 1.078.