Mazaricos volveu ser terra solidaria coa oenegué Égueire

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

VÍCTOR HUGO CONDE

A Picota acolleu a 15.ª edición da Festa Africana. O grupo vocal Eburnie, marfileño, volve estar de xira pola Costa da Morte

08 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A 15.ª edición da Festa Africana da Picota, en Mazaricos, foi este pasado sábado un punto de encontro solidario, unha xornada de sensibilización, unha velada de achegamento de culturas, convivencia e respecto. Así o valora o sacerdote Désiré Kouakou, que cifra a asistencia nunhas 200-250 persoas a unha festa plena de ritmo, unha celebración que, si, é unha festa, pero ten esa vertente benéfica na que tanto incide Kouakou. «La novedad fue un desfile de moda, y encantó», asegura, unha mostra de tecidos plenos de simbolismo, mensaxes e ensinanzas.

A gastronomía, con apartado africano e galego, volveu ser capital nesta celebración de achegamento entre terras, unha mostra da riqueza da diversidade. Organización, colaboradores, voluntarios e público son parte vital desta Festa Africana que permite seguir avanzando nos proxectos que Égueire ten en Costa da Marfil. Explicaba onte o párroco ceense que unha vez construída a maternidade que permite poñerlle freo ás mortes de mulleres e bebés nos partos, o seguinte reto pasa por erguer un pequeno centro de pediatría no que poida facerse un seguimento da evolución dos pequenos e dos seus problemas de saúde dende o nacemento.

O grupo vocal Eburnie, un verán máis de xira pola Costa da Morte

Xa hai varios veráns que o grupo vocal Eburnie, marfileño, vén dinamizando algunhas das citas festivas da Costa da Morte. Non faltan tampouco este 2025 e de feito tiveron xa nas últimas datas dous concertos dos que ninguén saíu indiferente: un, o 27 de xuño, no Teatro Afundación de Vigo; e outro este domingo 6 de xullo, en Muros, «una apoteosis», describe Kouakou. O portavoz de Égueire explica que contratar o grupo é un xeito de axudar tamén á causa solidaria e, nese sentido, agradece a colaboración brindada polos consistorios de Muros, Mazaricos (actuarán de novo alí o 18 de xullo), Cee (20 de xullo), Vimianzo (1 de agosto) e Dumbría (2 de agosto). Tamén o farán en Fisterra, con data aínda non anunciada.