












































O talento musical muradán brillou sobre o escenario
25 ago 2025 . Actualizado á 22:18 h.Noia apostou polo talento local e acertou. Tamén o fixo co cambio de localización do concerto de The Rapants, de Ou Tapal ao Campo de San Alberto, necesario para dar cabida ás 5.000 persoas que segundo o Concello se congregaron no recinto para gozar da música da banda muradá.
O público, integrado en boa parte por mozos, vibrou e gozou como nunca durante toda a actuación de Xanma, Samu, Matías e Xaquín.
Unha das sorpresas da noite foi a presentación sobre o escenario das novas camisetas do Noia Portus Apostoli da tempada 2025-2026, que por primeira vez na historia serán a raias, con tons verdes claros e escuros no segundo equipamento, granates na terceira e azul e salmón na cuarta. A camiseta principal outorga máis protagonismo ao branco e incorpora detalles en negro nas mangas.
Ademais de The Rapants, tamén actuaron nun repleto IES Campo de San Alberto 9Louro, o proxecto persoal de Martín Louro, igualmente procedente de Muros, un municipio cunha gran canteira musical que acadou o éxito.
Ademais deste recinto, durante a noite do domingo celebráronse máis concertos de forma simultánea noutros emprazamentos. Así, A Banda do Sequío actuou na praza de Ou Tapal e Kubo protagonizou a verbena na Alameda. Hoxe subiranse ao escenario Combo Dominicano, Disco Móbil Chocolate e As Lens.
Os tradicionais cantos de taberna pon o broche a cinco días de festa
As festas de San Bartolomeu chegan o martes ao seu fin despois de cinco días de xolda. E fano cos tradicionais cantos de taberna que percorrerán as rúas do centro histórico de Noia a partir das doce do mediodía. Previamente, desde as 11.00 horas, haberá inchables para os nenos na Alameda. A alborada correrá a cargo da Banda de Música do municipio.
Pola tarde, despois da misa das 19.30 en honra a San Roque, sairá a procesión da igrexa de San Martiño.
Xa pola noite, a orquestra Marbella ofrecerá a verbena da Alameda a partir das 22.30, mentres que na praza de Ou Tapal, desde as 22.00, actuará A Misela.
Os fogos artificiais lanzaranse a medianoite no paseo marítimo e para pechar a programación haberá Noite de Berros Almas de Cántaro en Ou Tapal. O espectáculo cómico-musical arrincará sobre a doce e media da noite.