
O tempo axudou a que verbenas e sesións vermú rexistraran unha boa afluencia
03 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Moi satisfeitos chegan ao último día os encargados de organizar as seis xornadas festivas que se veñen desenvolvendo en Tállara desde o domingo. Non é para menos, pois tanto as sesións vermú como as verbenas rexistraron unha afluencia de xente moi aceptable, tendo en conta que se trataba na súa meirande parte de días laborables. Por iso se espera para hoxe un broche por todo o alto.
«Quedamos ata sorprendidos pola cantidade de persoas que se sumaron ás actividades. Estamos moi contentos». É o balance que fai Manuel Ángel Moledo, organizador desta última xornada do San Roquiño. Asegura que o bo tempo que reinou ao longo de toda a semana axudou: «Houbo bastante xente de fóra de Lousame».
Non dubida á hora de sinalar que a afluencia de público é a mellor recompensa ao esforzo realizado: «As festas son para os veciños, para que bailen e se divirtan, porque eles son os que as fan posible coas súas achegas».
Moledo leva máis de 15 anos encargándose de poñerlle o broche ás celebracións. Asegura que o feito de pechar as festas non supón unha responsabilidade extra: «Tocoume a min e listo. A tensión vén dada porque habitualmente acode máis xente, por ser véspera de sábado, e hai certo temor a que suceda algo, pero nada máis».
Ten claro que continuará á fronte do venres do San Roquiño o vindeiro ano: «Seguirei ata que poda ou ata que teña relevo. Sería moi triste deixar aos veciños sen os seu día».
Para despedir as festas de San Roquiño deste ano, Manuel Ángel Moledo e os seus colaboradores apostaron por unha estrea. Así, a orquestra Miramar actuará por vez primeira no campo de Tállara: «Quería vir e trouxémola». O organizador do venres sinala que tal é a sona destas celebracións que hai grupos que amosan o seu interese por sumarse ao cartel.
Outros, sen embargo, son elixidos pola comisión, sempre tendo en conta o orzamento dispoñible. Foi o caso de JB Son, o grupo que axudará á Miramar a animar a verbena, pero que xa caldeará o ambiente na sesión vermú. A formación xa estivo con anterioridade en Tállara.
Coma en xornadas anteriores, a misa terá lugar ás 13.00. Serán, neste caso, na honra de Nosa Señora de Fátima.