A Crocha logra desbaratar ao seu particular Grinch, que devolveu os adornos roubados do poboado do Nadal
BARBANZA
A asociación veciñal da Pobra identificou o ladrón e, a través das redes sociais, invitouno a rectificar
11 dic 2025 . Actualizado á 16:54 h.Non ía vestido de verde como o Grinch, pero igual que el parece que tiña as mesmas ganas de amolar o Nadal. Neste caso, as vítimas foron os veciños da aldea pobrense da Crocha aos que roubaron parte da decoración que con tanta ilusión colocaron para adornar a ponte e o lavadoiro que dá acceso a esta zona.
Como xa fixeran o ano pasado, un grupo de residentes uníronse hai un mes para comezar a fabricar artesanalmente as distintas pezas que formarían parte deste poboado de Nadal, e que nesta ocasión sumou un belén xigante, ademais de numerosos adornos. Ata aquí todo ía ben, pero este domingo espertaban coa desagradable noticia de que unha persoa, acompañada dun neno pequeno, decidía apoderarse dun reno, unha zorra de madeira e de tres corazóns de tea.
«Como o ano pasado xa nos roubaron un Papá Noel, esta vez pedímoslle aos veciños que vivían máis preto da ponte que vixiasen por se aparecían novos ladróns», apunta María Davila. E así o fixeron. De feito, foi grazas a eles como puideron descubrir a identidade deste amigo do alleo, «que ata ensinou a unha neniña a roubar tres corazóns».
Antes de denunciar o suceso ante as forzas da orde, os residentes na Crocha quixeron darlle a oportunidade aos ladróns a que devolvesen as pezas subtraídas e, a través das redes sociais, invitáronos a dar marcha atrás e desandar o camiño, «porque rectificar é de sabios». Ademais, advertían que tiñan perfectamente identificado o vehículo no que levaron as pezas, do que ademais de anotar a matrícula era un dunha cor moi pouca habitual.
Ao lado dun colector
A denuncia correu como a pólvora por todo o municipio, onde desatou unha onda de mensaxes de apoio e tamén de críticas cara aos ladróns, que ao final tamén acabaron recibindo o recado. De feito, o domingo pola tarde e, noutro coche distinto ao que se perpetrou o roubo, acudían á Crocha e abandonaban ao lado dun colector de lixo as figuras e adornos roubados, que xa foron repostos no seu lugar.
Os veciños recoñecen que é bo que se rectificou, pero lamentan que aínda haxa persoas que non valoren o traballo e, sobre todo a ilusión, doutras para poder encher de vida e espírito do Nadal as pequenas aldeas da comarca.