Sete empresas concorreron ao concurso para atender por un millón de euros ao ano a residencia de maiores de Ribadeo
RIBADEO
O contrato actual, que presta a firma asturiana CK Senior Xestión, concuye o día 31
21 oct 2025 . Actualizado á 21:05 h.O contrato de prestación de servizos da residencia de maiores de Ribadeo (cociña, gerocultores, coidado de anciáns, lavandería...), con medio centenar de prazas, conclúe a finais deste mes, e en agosto a Deputación iniciou o procedemento para adxudicalo de novo. Nestes momentos as tarefas realízaas a firma asturiana CK Senior Xestión e ao novo contrato concorreron sete empresas, a propia CK Senior Xestión e Domicilia Aliados pola Integración, Eulen Servicios Sociosanitarios, Fundación de Estudos e Análises, Gerusia, Consentise Residencial e a unión temporal de empresas formada por Ourensenior e por Servizos Asistenciais Vilamoure, S.L.
O contrato licitouse por 1.020.364 euros (IVE incluído). A duración establécese nun ano, estimando o inicio o 1 de novembro, pero coa posibilidade de subscribir un máximo doutras dúas prórrogas anuais. Na plataforma de contratación da Deputación non se desvelou polo momento se o proceso concluíu e se hai nova empresa adxudicataria.
O que si deixa claro no prego a Deputación é que «mentres non se produza unha modificación substancial ou peche do Centro, aínda non sendo na actualidade o titular da actividade, si consta na Xunta e no Concello de Ribadeo (titular da actividade social) como responsable de garantir actividade social e sanitaria» e por iso tamén é a encargada de elixir á empresa que presta o servizo de atención aos usuarios da residencia. Estes centros supoñen un desembolso moi importante para a Deputación que, sendo en gran medida a atención ás persoas maiores unha competencia autonómica, reclama desde hai tempo sen éxito que a Xunta asuma o financiamento e a responsabilidade da construción das residencias provinciais.
O persoal do centro, estipúlase nas bases da licitación, debería ser subrogado en caso de ser elixida unha nova empresa. Serían case trinta persoas con diferentes tipos de contratos cuns custos estimados en 687.583 euros anuais, sen IVE. Nas bases tamén se establece que o prezo por residente autónomo será de 56,6 euros por día e de 58,2 para os usuarios dependentes.