Levará por título Tan iguais coma diferentes e incluirá conferencias, actividades creativas e unha representación teatral a cargo de integrantes da Asociación Down Lugo
22 oct 2025 . Actualizado á 20:06 h.Ribadeo será escenario este sábado, día 25, do foro Down Tan iguais coma diferentes, o primeiro que se celebra na provincia. A cita dará comezo ás 10 horas no auditorio municipal en colaboración coa Asociación Down Lugo e a Xunta de Galicia.
O foro, organizado pola área de Benestar Social, Saúde e Familia do Concello é aberto para toda a poboación que queira asistir e a súa finalidade é dar visibilidade ás capacidades das persoas con discapacidade, promover a diversidade e impulsar a súa plena inclusión na comunidade. Así o explica a concelleira responsable da área organizadora, Elena Sierra: «Este encontro quere ser un espazo de aprendizaxe, participación e convivencia no que a sociedade poida coñecer de preto as experiencias e o talento das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, fomentando así unha mirada positiva e inclusiva», sinala.
Programa
O foro conta cun programa variado, que inclúe unha conferencia inicial do doutor Gonzalo Berzosa, experto en inclusión e diversidade, que ofrecerá unha reflexión sobre a importancia da inclusión iniciada na familia, entre outros aspectos. Haberá tamén actividades creativas a cargo da asociación As vacas fracas para os integrantes da Asociación Down Lugo, que dinamizarán a xornada cunha proposta lúdica e participativa. A comida entre organizadores e colaboradores contará coa colaboración de Galipizza e posteriormente desenvolverase unha representación teatral gratuíta no teatro municipal ribadense protagonizada por varias persoas da asociación lucense que servirá para mostrar o seu talento e capacidade artística, á vez que será o broche de ouro ao foro.
Por útimo, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, anima «a toda a veciñanza a participar neste foro» e sinala que «o noso compromiso continúa coa inclusión social e co recoñecemento das persoas con diversidade funcional, convencidos de que a diversidade nos enriquece e fortalece como comunidade, polo que este foro é o inicio dunha colaboración con Down Lugo que continuará en 2026 cun traballo encamiñado a dar visibilidade e inclusión ás persoas con algunha discapacidade e que é posible grazas tamén á Xunta», conclúe o rexedor ribadense.