Mabel Rivera, madriña do Festival de Cine Curto de Ribadeo: «Moitas veces nas curtametraxes é onde me ofrecen os papeis máis interesantes»

RIBADEO

Este xoves 7 proxectaranse os traballos participantes, con presenza mariñá, e o venres 8 será a gran gala final, coa entrega de premios, organizado por Areas Movedizas
06 ago 2025 . Actualizado a las 18:36 h.A galardoada cun Goya (por Mar adentro de Amenábar) Mabel Rivera é a excepcional madriña do Festival de Cine Curto de Ribadeo que se desenrolará este xoves 7 coa proxección das cintas participantes e o venres 8 coa gala final. Rivera estivera precisamente nunha edición anterior de dito certame, organizado por Areas Movedizas, presentando curta.
_Xa coñece este festival. Que lembranzas lle trae volver?
_Unha das cousas que máis me chamou a atención foi o feito de que sexa un festival, de entrada, sen pretensións de querer ser algo multitudinario. Para min ese é un valor especial porque o máis interesante é o contacto directo coa xente, ver o interese que un traballo como unha curtametraxe chegue a suscitar nos ribadenses, na veciñanza, o feito de que para moita xente foi un descubrimento porque non coñecía da existencia das curtametraxes. Tamén me pareceu moi interesante a maneira de implicarse das persoas que están ao cargo do cinema, dándolle valor ao audiovisual e a historias que son breves, de poucos minutos. Sempre que me ofrecen colaborar intento dicir que si, porque é con persoas que intentan abrirse un camiño neste mundo. Por outro lado, moitas veces a min nas curtametraxes é onde se me ofrecen os papeis máis interesantes, o que me permite realmente tomar riscos que noutro tipo de producións non teño esa sorte de tomar. Penso que as curtametraxes merecerían máis difusión que a que se lles fai, polo xeneral. Ainda que teñan un percorrido longo e vaian a festivais que teñen unha consideración moi importante (por exemplo, hai un apartado para elas nos Premios Goya) foron adquirindo unha relevancia que antes era máis pequena que a que agora teñen. Pero non se adoita proxectalas en cinemas. Por iso, velas no cine de Ribadeo e a interese que chegan a suscitar no pobo, paréceme algo fantástico.
_E con alfombra vermella en Ribadeo...
_O glamur pode considerarse como unha parte do que é un determinado mundo pero para min é a parte que ten menos interesante. Para min, o máis interesante é o cine.
_Incluso no verán a oferta cultural da relevancia a outro tipo de ares máis que ás cinematográficas.
_Á hora de dar valor, hai que empezar polo noso. Agradezo moito a Carme Rodríguez e ao resto da organización que me poñan de madriña. Así terei ocasión de ver todas as curtas co resto do público. Non ten que ver co glamur. O que me interesa do meu traballo non é o exhibicionismo senón facer o traballo. Dáme moita alegría, aparte de que me encanta Ribadeo, vila que coñezo dende hai anos. Así que aproveitaremos para dar un paseo na autocaravana. Ten unha cultura indiana que a min me gusta moitísimo.