A actriz galega premiada cun Goya Mabel Rivera será a ilustre madriña do Festival de Cine Curto de Ribadeo, con alfombra vermella e «photocall»

RIBADEO

O xoves 7 e o venres 8 de agosto proxectaranse e votarán un total de oito curtametraxes
28 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.A actriz galega Mabel Rivera, coñecida polos seus papeis televisivos en Pratos combinados ou o seu merecidísimo recoñecemento por Mar dentro de Amenábar, película coa que ela gañou un Goya á mellor actriz de repartición ou pola súa participación na serie Rapa será a madriña da cuarta edición do Festival de Cine Curto que se celebrará en Ribadeo os días 7 e 8 de agosto. Rivera, que xa estivese noutra anterior, entregará o trofeo ao gañador. O colectivo Areas Movedizas continúa cun proxecto único na comarca e no verán, que arrincou en 2022 «coa intención de facer grande o cine curto achegándoo á xente da contorna, e co obxectivo de amosar que aquí tamén se fai cine, promovendo curtametraxes vencelladas á Mariña Lucense, Galicia e Asturias, e poñendo en valor o traballo de creadoras e creadores».
Este ano, polo festival ribadense pasarán oito traballos: Corre Adela de Alba Pino, Azkena de Ane Inés Landeta e Lorea Lyons, Ratiña de Alicia Úbeda, Mostera de Diego R. Aballe, Curmán de Alejandro Jato, A Raíña dos Idiotas de J. K. Álvarez, Campolivar de Alicia Moncholí e Komando Marmitako de Ane Nafarrate e Uxue Botas. Hai drama, comedia, biopic, animación, etcétera pero sempre «boas historias», explican, entre as cales será o público o que decida cales son as mellores. O festival arrincará o xoves 7 ás 20.00 horas no Cine Ribadeo e á mesma hora, pero no Teatro, será ao día seguinte a gala final, na que tamén actuará o grupo ribadense Kornucopia, que fusionan tradición galega e rock. Manu Cajal será tamén novidade na cita, desde a parte gráfica, e a mascota Ou Mariñán, deseñada por Elvira ELR, con apoio de Vacas Fracas, xa é todo un «símbolo recoñecible do proxecto», engaden. Areas Movedizas que pretende converter a Ribadeo en «punto de encontro entre cineastas» son Carme Rodríguez, Gloria González, Mónica Arnanz e Sergio García-Ramos. Apoian cítaa a Xunta de Galicia, Concello de Ribadeo, Hotel Aduana, Cine Ribadeo e Delira Gastronómica, entre outros.
«Queremos que Ribadeo sexa un punto de unión en xeneral da zona norte en cine»
Carme Rodríguez destacou a presenza de Mabel Rivera de novo no festival, tras estar na segunda edición representando como protagonista un dos curtos que se presentaban entón: «Gustáralle moito o festival e sobre todo ver que ao final eramos catro amigas que estabamos nisto por amor ao cine. Deunos moitísimos ánimos nese momento e este ano, dende o principio, sabiamos que queriamos contar con ela como a nosa madriña e vai estar os dous días». «En Galicia hai moitos festivais de curta e de cine importantes pero é verdade que na nosa zona non hai grandes datas e non nos queremos esquecer de que estamos a facer un festival en Ribadeo. Ribadeo é un enclave súperestratéxico tanto para o que se fai en Lugo como no resto de Galicia ou de Asturias, polo que queremos ser un punto de unión en xeneral da zona norte. Queremos ampliar fronteiras, pero hacia os extremos. Sigue sendo un festival galego pero que tamén ten representación de Asturias e oara achegarnos a outros lugares cos que compartimos moitas cousas, pois este ano temos tamén bastante presenza de Euskadi en curtas», indica Rodríguez.
Estará a creadora de contidos Prado Rúa
«A alfombra vermella fai ilusión e o festival de Ribadeo pode ter tanto glamur coma outro que se faga en calquera parte. Por iso imos ter un plato forte, que é que no photocall e a alfombra vermella vai estar cuberta por unha creadora de contido en redes, Prado Rúa. Unha rapaza nova que fala de cultura, en galego, e ten miles e miles de seguidores. Vai estar os dous días falando coa xente, facendo entrevistas, para que o festival tamén poda ter presenza nas redes sociais».