O alcalde de Ribadeo, tras a baixa da pediatra: «Estamos moi enfadados e a Xunta ten que dar unha resposta»
RIBADEO

O BNG repróchalle a súa xestión e reclámalle máis contundencia ante Sanidade
15 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, pronunciouse onte sobre a situación na que quedou de novo o Concello, outra vez sen servizo de pediatría ao coller a baixa por enfermidade a titular da praza tres días despois de reincorporarse ao seu posto de traballo tras unha baixa de longa duración. «O goberno municipal manifesta que non está entendendo para nada a situación, estamos moi enfadados e por iso consideramos que a Consellería de Sanidade ten que dar unha resposta moi concreta, que é cubrir a praza de pediatría. Xa sabemos que é moi difícil e complexo, pero nada é imposible e hai que conseguir as cousas e loitar por elas. E dende logo nosoutros dende o goberno non vamos estar calados: o servizo de pediatría de Ribadeo hai que cubrilo. Non pode ser que Ribadeo estea a expensas dunhas baixas e de vacacións e se reduzan eses días de servizo de pediatría», manifestou o alcalde.
«Polo tanto se temos unha pediatra temos que ter o servizo todos os días (...) a reivindicación segue e non vou parar ata que teñamos o servizo todos os días», engadiu Vega.
Crítica do BNG
A crítica á súa xestión volveu pór o BNG: «As crianzas de Ribadeo volven a estar sen pediatra. As mentiras teñen as patas moi curtas. Neste caso, catro días de traxecto. A xestión de Daniel Vega non foi outra que a alta médica da titular da praza de pediatría. A realidade é que volvemos a estar sen pediatra».