Mónica Figueroa, de Energylab, en «De 0 a 100»: «O futuro enerxético pasa por consumir menos e consumir máis limpo»

Avanzar na  descarbonización, é dicir, consumir menos combustibles fósiles e evitar as súas emisións contaminantes, son as máximas polas que aposta o centro tecnolóxico Energylab, nado en 2008 e ubicado en Vigo. A súa responsable de bioenerxía, Mónica Figueroa, visitou o programa que La Voz produce en colaboración coa consellería de Educación, para explicarlle aos alumnos do IES Ramón Cabanillas de Cambados algúns dos proxectos que lidera. 
A cambadesa, que precisamente volveu ao centro no que ela mesma estudou, destacou a importancia de reutilizar materia orgánica e transformala en enerxía para reducir o impacto ambiental. Así, contou como grazas aos seus proxectos de investigación, varias granxas galegas, avícolas e porcinas, «valorizan os desfeitos» producindo biogás, algo que redunda non só en producción enerxética, senón tamén nun beneficio económico para as explotacións. 
Outro dos proxectos máis destacados dos últimos anos é a Unidade Mixta Gas Renovable posta en marcha na EDAR de Bens, en A Coruña. Neste caso, as augas residuais son tratadas para poder obter enerxía mediante un sistema de «purificación baseado en membranas». Grazas a el, conséguese «aproveitar un excedente de biogás que non se estaba empregando». De forma experimental estano usando autobuses urbanos, furgonetas da propia estación depuradora e, tamén, «podemos inxectar directamente o biometano á rede de gas natural», polo que xa se está empregando en moitos fogares. Con isto demóstrase que as súas propiedades son «iguais que as do combustible de orixe fósil». 
Figueroa concluíu que fomentar o emprego de combustibles de orixe renovable é o «futuro» da enerxía, nunha aposta por «consumir menos e consumir máis limpo».

06 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.