Carlota traballa todo o verán aos 20 anos: «Eu sei que o vou agradecer»

CARMEN FERREIRO / M. V.

YES

XAIME RAMALLAL

Traballar en xullo e agosto mentres todos os teus amigos gozan da praia ou das verbenas é unha realidade para Carlota. Aos seus 20 anos estuda Enxeñaría en Sistemas Intelixentes no inverno e cando terminan as clases na universidade traballa no Ollomol, en Foz

25 ago 2025 . Actualizado a las 14:05 h.

«Aínda que ás veces me gustaría ir á praia coas miñas amigas, sei que ao final do verán o vou agradecer», confesa Carlota, quen, aos seus 20 anos, traballa no verán e estuda no inverno. Esta focense «de toda a vida» leva dous anos vivindo as tardes da tempada estival cunha banda sonora ben clara, música e bo ambiente grazas ao seu traballo desde as sete da tarde ata as once da noite seis días á semana como camareira no Ollomol, un chiringuito de verán en Foz.

Esta vez, o parón universitario nos meses de xullo e agosto ten un engadido máis, as prácticas do grao que estuda, Enxeñaría en Sistemas Intelixentes, que fai polas mañás nunha empresa. «Sempre me gustou moito a informática e as matemáticas. O que máis me chamou a atención deste grao foi o plan de estudos, porque non só se centran na teoría, senón que tamén lle dan moita importancia á parte práctica. Traballar coa análise de datos é o que máis gozo, gustaríame tirar por aí nun futuro. Hoxe podo dicir que non me arrepinto para nada de escoller este camiño», sinala Carlota, que tivo claro que se decidiría por unha carreira técnica dende secundaria.

Xa van dous veráns dende que xurdiu de forma improvisada a opción de poder traballar como camareira no Ollomol e ela non quixo dicir que non. «Eu nunca traballara na hostalería, era a primeira vez. Admito que ao principio ía bastante cagada, pero teño que dicir que funcionar nun chiringuito é moi diferente a traballar nun bar: non tes que servir na mesa e ás doce si ou si ten que pechar, iso xa o fai máis fácil», comenta Carlota. O paso das xornadas no Ollomol foina sorprendendo pouco a pouco, permitíndolle coller confianza tanto coa clientela coma cos compañeiros. «Estar cara ao público todos os días non é só atender, hai que reencher, falar con provedores e moitas cousas máis. Eu sempre digo que é moito máis do que parece desde fóra», confesa.

Atoparte a gusto nun posto de traballo ás veces pode resultar complicado, pero, despois de escoitar como Carlota goza co equipo do chiringuito…, resólvense todas as dúbidas posibles. «O ambiente que se respira é incrible, a min pásame voando o tempo polo bo humor que temos. Entre compañeiros axudámonos moito, e iso a xente nótao. Temos momentos graciosísimos, non é a primeira vez que nos acordamos de algo que nos pasou traballando e escachamos á risa. Tamén somos un grupo que facemos moita vida xuntos: con dicirche que houbo un día que, como non había ninguén polo mal tempo, fixemos quendas para poder ir de cañas e cear... Temos tamén algunha que outra tradición. Os domingos, por exemplo, imos cear todo o equipo xunto», relata entre risas. Os seus (escasos) anacos libres entre as prácticas da carreira e o traballo aprovéitaos ao máximo preferiblemente con actividades ao aire libre: rutas por Foz, praia coas amigas ou tempo en familia. Aínda así, Carlota sabe, por experiencia, que non é todo da cor das rosas; cando chega o bo tempo, o sol, as temperaturas soben e as túas amigas saen de festa, hai que traballar. «Hai fins de semana nas que temos moito choio, e preferiría estar nunha verbena ou na praia, pero non me podo queixar, no Ollomol sempre estou moi cómoda. Ademais, non se pode estar toda a vida saíndo de festa», apunta.

Ir contenta e con ganas ao traballo é algo do que non todo o mundo pode presumir. Carlota, aínda que di que non é comparable, asegura: «Hai días de inverno que me custa bastante máis poñerme a estudar ca traballar agora no verán». Saber que as cousas non se conseguen soas e que todo sacrificio ten a súa recompensa forma parte do ensinado pola súa familia. «Ás veces, venme rebentada, pero, coma min, están encantados. Ao final, é experiencia laboral e currículo que vou agradecer», explica.

Todo o esforzo do verán está centrado nun obxectivo claro, e agora que está a piques de rematar, esta rapaza ve cada vez máis cerca a luz ao final do túnel. «Meus pais xa me dixeron que me ían axudar, pero o que gañe este verán vai un para un coche cen por cen», conta ilusionada. «O novo curso académico vou necesitar moverme, porque volverei facer prácticas, e, se non teño coche, mal imos. Eu confío en que será un bo investimento», comenta.

E é que vivir desta maneira o verán axudouna a valorar máis o diñeiro: «Antes, meus pais dábanme certos cartos ao mes; agora teño outra mentalidade, sei que, se quero ir de viaxe, teño que aforrar. Os cartos, como di miña avoa, non caen dunha árbore, e a min dáme tempo a saír cos amigos, coa familia, a traballar e a gozar do verán».