Esta andaluza fixo a primeira tese sobre as palilleiras de Camariñas: «Elas fixeron a única mercancía española que ía no Titanic, foron o gran motor económico da Costa da Morte»

YES

Cordobesa e neofalante, é a autora da primeira tese (cum laude) sobre as palilleiras da Costa da Morte, que foron un dos grandes motores económicos de finais do século XIX e comezos do XX. A amizade como ferramenta social fronte a soidade é a súa máis recente investigación
15 jul 2025 . Actualizado á 13:19 h.A amizade non é un sentimento. É unha ferramenta de transformación social, unha rede ante a soidade, «para non chegar a vellas estando soas». Así o ve a enfermeira e antropóloga andaluza que fixo a primeira tese de doutoramenteo sobre as mestras galegas da arte de encaixar. As palilleiras abraiaron a primeira vista a Guadalupe Jiménez Esquinas (Córdoba, 1984), que era enfermeira ata que se licenciou en Antropoloxía Social e Cultural pola Complutense de Madrid. Despois virían o Máster en Igualdade de Xénero e o converterse en Antropoloxía con mención internacional pola Universidade do País Vasco.
Da paisaxe ao corpo: unha crítica feminista da patrimonialización do encaixe na Costa da Morte foi a tese coa que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude esta galega de adopción, unha galegofalante que leva 15 anos vivindo en Santiago. «Vin a Galicia a facer a tese e apunteime a clases de galego, porque fago traballo de campo e precisaba falar coa xente. Para min, falar galego é dar un paso adiante!», afirma Lupe cun sorriso militante.
Estudou Enfermería, a súa primeira carreira, en Córdoba. A segunda, Antropoloxía, mentres traballaba como enfermeira en Madrid, onde fixo o máster en estudos de xénero. Foi estudando este curso cando lle xurdiu a oportunidade dunha bolsa para facer a tese de doutoramento no Instituto de Ciencias do Patrimonio. «Fixen os papeis e saíu adiante! Así que organicei todo axiña para mudarme aquí. E unha vez incorporada, valorando sobre que podía facer a tese, pensei nas fareiras ou nas mulleres na agricultura e gandería... Pero cando dei coas palilleiras de Camariñas, dixen: ‘‘Encántanme estas mulleres!’’», revela. Que a súa nai se tivese dedicado á costura tamén enfiou a decisión desta enfermeira e antropóloga cara ao téxtil.
A antropoloxía, concibe Lupe, é esa ciencia que invita a botarlle un ollo a aspectos da realidade nos que non adoitamos reparar «ou que non parecen dignos de analizar e estudar». Para ela, foi abraiante e fundamental descubrir que as palilleiras foran un dos motores económicos máis importantes de Galicia entre finais do século XXI e comezos do XX. «Eran o que máis movía a economía na Costa da Morte e esa zona. Disto apenas se fala. Identifícase a Costa da Morte cos homes que saían ao mar, pero as que quedaban en terra fixeron moito. Elas foron quen de montar unha industria da que participaron máis de 20.000 mulleres, que exportaba por toneladas a Latinonamérica e na que a man de obra era enteiramente feminina», subliña a doutora remitíndose aos datos de Francisco M. Balboa, que era un industrial de Muxía.
Fala coa experiencia de coñecer cartas de tratantes de encaixe que pedían que se mellorasen as estradas para facilitar a comunicación e o comercio do encaixe de Camariñas. «Se só con camiños e rueiros son quen de montar esa industria a nivel marítimo, pensaban, imaxinade con boas estradas!», debuxa quen quere rebaixar o estereotipo de que Galicia fose un lugar illado, «estando como estaba conectado por mar co resto do mundo, con metrópoles internacionais. Non o estaba co resto da Península...».
Como anécdota desas que fan historia conta que o encaixe de Camariñas «foi a única mercancía española que ía no Titanic. Era este un encaixe moi demandado. Especialmente, durante a Primeira Guerra Mundial, na que quedaron derrubados outros lugares de Europa onde se confeccionaba encaixe, Camariñas foi o principal lugar de produción», explica.
GRANDE ECONOMÍA INFORMAL
Quizais aínda non se coñeza o valor, máis alá do téxtil e o folklórico, que tivo como industria este palillar. Aínda subestimamos o oficio das palilleiras? «Por suposto. A min interesábame moito ver como as palilleiras tiveron sempre a necesidade frustrada de organizarse, de organizar o traballo, un sindicato, pero eses intentos de organización colectiva produtiva sempre foron ao traste. Non foron quen de organizarse para pedir un prezo estandarizado», expón. Ata certo punto é natural que esas redes de mulleres que combinaban o encaixe coas súas ocupacións domésticas e a colaboración natural non tivesen esqueleto de sistema. «Este é o asunto da miña tese, como é que sendo un motor económico tan importante nunca saíron da economía informal? Non era conveniente, porque se cadra o conveniente era cobrar menos e que puidese traballar cada unha na casa, sen saír da economía informal a pesar da importancia cultural, social e económica que teñen», achega Lupe.
Pero por que non quixeron espremer o xugo rendible? «Porque ao final cada unha traballando pola súa conta ía máis por libre. Non chegaron sequera a estandarizar a produción», responde ela, e engade que o Concello de Camariñas leva décadas tratando de impulsar esa organización colectiva, «de facilitar e potenciar a formación, pero atopa bastantes resistencias». Pode que se lle dea prioridade a atender a vida mesma máis que ao feito de gañar por palillar, ao ir facendo todo xunto, encaixando a cociña cos fillos e as pezas de encaixe, que a ese ir por partes fabril, laboral. «Si, elas traballan a leira, coidan dos fillos, atenden as galiñas... É unha produción que sempre estivo enxertada na economía doméstica. Isto levalo a unha lóxica de produción en serie, cun horario de oito a tres, para cobrar pouco, non se sustenta», afirma a antropóloga.
As palilleiras máis novas dedicábanse a palillar a unha velocidade de vertixe mentres as avoas coidaban dos nenos e as tías levaban pastar as vacas. É un cadro revelador desa arte de irse encaixando unhas coas outra nas necesidades da axenda do día.
De primeiras (e de segundas) o traballo e a vida poden resultar unha parella tan estraña como Jack Lemmon e Walter Matthau naquela peli de divorciados condenados a convivir. Tampouco diría un moi metido na pota dos tempos que a amizade e a política sexan quen de convivir. «Nós non falamos tanto de amizade como relación emocional, sentimental e privada como de amizade nun sentido máis de “que fai a amizade por nós”, como pode axudar á transformación social», revela Lupe sobre a temática que centrou o recente curso de verán A amizade política na facultade compostelá de Filosofía. «Hai un baleiro na amizade. Non se ten estudado a amizade como forma de relación social, fronte ao valor que lles damos ás relacións de parella, familiares ou mesmo sexuais. E iso evidénciase na ausencia de palabras, por exemplo, para darlle nome a unha ruptura entre amigas. E cando unha amiga falece, non hai palabra para nomear esa viuvez de amiga», advirte.
Ela atopa esta ausencia no mapa e o territorio da súa realidade cotiá: «Cando a miña veciña aquí en Santiago se pon enferma, eu non teño un permiso para acompañala ao médico a pesar de que ela ou calquera amiga poida ser para min moito máis cercana e relevante que ao mellor o meu sogro», di. Ou que a propia parella... Aquí entra o concepto de amizade política que analiza a antropóloga, quen sinala que hoxe a maioría dos fogares españois son dunha persoa. «E con isto está quedando en evidencia que as relacións familiares, tan idealizadas, non cobren as necesidades sociais. As amizades están cumprindo hoxe con funcións que se atribúen á familia ou se esperan dela. A amizade está descubrindo os límites do amor romántico e da familia. Isto vese con claridade en casos de persoas migrantes e do colectivo LGTB, que constrúen unha familia elixida, unha rede de amizade forte para sobrelevar a vulnerabilidade e a soidade», conclúe a cordobesa á que une a Galicia unha amizade que encaixa con dedos de palilleira o persoal co laboral.
(No colo do vestido que leva na imaxe, Lupe leva unha tiriña de encaixe que ela mesma palillou).