A meca está en Pena Folenche

Fernanda Tabarés DIRECTORA DE VOZ AUDIOVISUAL

YES

28 ago 2021 . Actualizado á 05:00 h.

Hai habido este verán un esforzo conmovedor en repetir unha fotografía. E non falo das colas para vacinarse, as terrazas con restricións intermitentes ou os concertos a medio gas do II ano pandémico. Na imaxe aparece o rostro dun home maduro de xesto plácido no que apenas se recoñece á estrela que foi. Chámase Richard Gere e durante algunhas décadas ocupou a pantalla grande desde o universo no que habitan os heroes pop, un mundo afastado e inasible que xamais interfería co noso ecosistema de carne e óso, coches en dobre fila e cheiro a fritanga. O extraordinario da foto é o lugar no que foi tomada. Porque o Edward Lewis de Pretty Woman, o Dixie Dwyer de Cotton Club, o Zack Mayo de Oficial e cabaleiro e ata o Julian Kay de American Gigolo converteuse nun veraneante que come nO Refuxio de Oleiros e pasea por escenarios que recoñeces e non polos lugares de cartón pedra de luxo nos que adoitaba habitar. A foto de Gere na Coruña activa unha curiosa reacción visual que mantén a mirada sobre o seu rostro durante un tempo absurdo. Escrutas e escrutas esa cara coma se tratases de desentrañar un misterio, coma se quixeses convencer o teu cerebro dunha certeza á que se resiste.

Hai uns meses, outra estrela do afastado firmamento do cine, ese que cega tanto porque en realidade non existe, foi fotografado nun figón de Póboa de Trives. Resulta que o Joseph Fiennes dO conto da criada veranea en Pena Folenche, unha aldea diminuta da que un día partiron os pais da súa muller para instalarse na Suíza. Fiennes rehabilita desde hai un tempo casa propia e comparte rutinas cos veciños, incluídos baños na piscina municipal o que definitivamente converte a Trives no lugar glamuroso que sempre foi pero que quizais non recoñeciamos. Mira ti se a meca do cine estaba en realidade aquí….