Islandia, un volcán de emocións

YES

Patricia García

CHEGAR A ISLANDIA é como cruzar o muro de «Xogo de Tronos», pero sen Jon Snow agardándote no outro lado. Glaciares, volcáns, a terra chuspindo auga e fume e veráns con días eternos nos que nunca se pon o sol.

24 jun 2017 . Actualizado á 05:25 h.

Islandia é un volcán de emocións. Un parque de atraccións natural no que todo é posible. Sean Penn dicíalle a Ben Stiller nA vida secreta de Walter Mitty que as cousas belas non buscan chamar a atención. Canta razón tiña. Iso mesmo é o que ocorre en Islandia. Todo o que te rodea é marabilloso, pero sen presumir diso. Se viches a película seguro que nalgún momento pensaches «necesito coñecer Islandia».

Patricia García

A súa beleza e as sensacións que provoca non teñen comparación con ningún outro destino no que estiveses. Co tempo cambiando case cada segundo -hai un dito no país que se cumpre á perfección «se non che gusta o tempo en Islandia agarda cinco minutos»-, en só uns metros podes pasar dos glaciares máis alucinantes a campos de xofre chuspindo fume que parecen saídos de Marte. Se a isto súmaslle que nesta época non se fai de noite, que máis se pode pedir?

Patricia García

 Chegar a Islandia é doado. Desde España hai voos directos, como os que ofrece Norwegian desde Barcelona. Se estás a pensar canto che vai a custar o billete, tranquilo, iso será o máis barato da túa viaxe. Islandia é, probablemente, un dos países máis caros do mundo. Cervexas a 10 ou 12 euros, hamburguesas correntes a 18, menús básicos a 80... O mellor para calcular canto vas gastar é pensar nos prezos de Galicia e multiplicalos por cinco, di un holandés instalado na terra de xeo. Para non arruinarte tes dúas opcións. Primeiro, se estás en Reikiavik, facendo cola no posto de cachorros de Baejarins Beztu Pylsur e porte morado de pan con salchicha. Dous, entrar canto antes nun supermercado e encher o maleteiro de iogures islandeses.

O mellor para coñecer o país é dar a volta á illa a través da Ring Road. O punto de partida é a capital, Reikiavik, coas súas casiñas de cores que podes fotografíar desde o alto da inconfundible igrexa de Hallgrimur. Preto da capital e no sur están ningunhas das atraccións máis coñecidas, como a impoñente fervenza de Skogafoss ou o Círculo Dourado. O mellor: o norte, onde un ten a sensación de estar noutro planeta, de ser o único habitante sobre a face da terra. A súa principal cidade é a preciosa Akureyri, onde, como un bo islandés, debes tomarche un xeado a media noite na xeadería Brynja.

Patricia García

 E cando xa non che quedan máis cartóns de memoria para a cámara, tropezarás con máis lugares incribles: o glaciar de Jokulsarlon, que desemboca no mar diante dos teus narices; a fervenza escondida de Svartifoss, escenario de Xogo de Tronos, e onde a auga cae a barullo #toelrrato e ata os restos dun avión da mariña americana que se estrelou na illa en 1973. E todo isto mentres conduces coa boca aberta entre cabalos salvaxes e ovellas, moitas ovellas que non deixan de mirar todo o que se coce, ou xéase, ao seu paso.

Patricia García