Mercedes Bangueses: «O que fai o Instituto de Estudos Vigueses repercute na cidadanía»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

XOÁN CARLOS GIL

A doutora en Historia da Arte é a primeira muller que preside o centro nos seus 35 anos

18 dic 2025 . Actualizado á 01:42 h.

Tras case 35 anos de existencia, o Instituto de Estudos Vigueses (IEV) ten a unha muller á fronte. Mercedes Bangueses Vázquez, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Vigo e catedrática de ensino secundario, foi elixida presidenta da nova xunta directiva, que tamén conta coa participación de Antonio Giráldez (vicepresidente), Pilar López (secretaria), Jesús Iglesias (tesoureiro) e Xoán Carlos Abad, Beatriz de San Ildefonso, José Luis Mateo e Ramón Patiño, como vogal.

—Dálle relevancia ao feito de que unha muller presida por primeira vez o IEV?

—Non lle dou importancia porque creo que o noso xeito de traballar, de entender e de colaborar aquí nada ten que ver con que sexas un home ou unha muller.

—Que percepción ten sobre o grao de coñecemento que a cidadanía ten do IEV?

—É posible que non o coñeza demasiado. Quizá nos envorcamos máis na tarefa de investigación e menos na exposición cara ao exterior, pero nos últimos anos iso estase corrixindo. Agora, a prensa préstanos maior atención e tamén estamos máis presentes nas redes sociais. Aos poucos, creo que a cidadanía vai sendo máis coñecedora da nosa existencia.

—O Fórum foi unha boa vía de apertura á sociedade. Haberá novidades nese ámbito?

—O Fórum é un escaparate extraordinario porque veñen expertos e expertas de temas vinculados á actualidade, e si que o imos a manter. Tamén, intentaremos mellorar as relacións coas distintas administracións, e estamos a ver a posibilidade de incorporar a membros colaboradores como unha antesala para os futuros membros. Doutra banda, trataremos de acabar de catalogar os arquivos fotográfico e documental, así como a biblioteca porque son espazos útiles para os investigadores.

—Explorouse a colaboración coa empresa privada?

—En principio, debémonos á subvención do Concello, aínda que tamén para a organización do Fórum adoitamos pedir axuda á Universidade. Respecto á vía da empresa privada habería que darlle algunha volta de cara ao futuro.

—Que necesidades materiais ten o Instituto?

—Nunca están cubertas, pero debemos adaptarnos ao que temos. A anterior xunta directiva, presidida por Xoán Carlos Abad, logrou que o financiamento servise para acometer todas as liñas que se foron programando.

—E é suficiente?

—Bo, avanzamos en función do que temos. Este ano, si nos incrementaron un pouquiño a subvención e nós estamos agradecidos, pero tamén, ao final, é algo que reverte na cidadanía, porque o que fai o instituto é desenvolver cultura.

—Pódense consultar os fondos do IEV?

—Ese é outro dos logros da xunta de goberno anterior. Puideron ampliar o horario da sede que temos en Cánovas del Castillo, 2. Grazas ao esforzo altruísta dos membros, a sede está aberta as tardes do luns, martes e mércores, e a mañá do xoves. Iso facilita que cada vez poidan vir máis investigadores e que nos referencien como base de coñecemento.

—Profundarase na liña de incorporar novos campos de coñecemento?

—Si, os membros que van entrando achegan unha grande amplitude de campos do saber. Xa temos cubertos espazos tan variados como o medicamento, a música, a arqueoloxía ou o deseño. Todo iso empurra a que o instituto vaia abrindo cada vez máis camiños do coñecemento.

—Que decidiulle a afrontar este reto?

—Cando se cumpriu o período da anterior xunta houbo que asumir esa tarefa. Cada un dos que formamos o equipo de goberno cedemos en cousas. Foi un acto de xenerosidade inmensa, cousa que eu llo agradezo a todos eles. O obxectivo durante estes catro anos é implicar a outros membros para que cando chegue a renovación haxa máis dunha candidatura.