Esther Martínez: «Queremos un ensino galego, público, gratuíto, democrático e inclusivo»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

ICIAR PEREIRAS

A presidenta da Federación de ANPA de Compostela recoñece que o inicio do curso do ano pasado «foi tremendo»

31 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Esther Martínez (Vigo, 1967) está dobremente vinculada ao ensino, tanto como doutora en Ciencias da Educación pola USC e docente e investigadora da súa facultade, como polo cargo de presidenta da Federación de Asociación de Nais e Pais Compostela. A súa andaina nas ANPA comezou no colexio de Roxos e reivindica o traballo destes colectivos e do asociacionismo.

—Desde os seus comezos, como evolucionaron as ANPA e o papel das familias na educación?

—As ANPA tiveron un papel moi decisivo na Transición e na entrada da democracia. Cos anos foron derivando ata esa imaxe social de que somos as responsables de desenvolver actividades extraescolares, comedores e servizos de apoio, pero o que pretendiamos e pretendemos desde a federación é facer pedagoxía sobre a capacidade para intentar transformar o ensino público e facer un ensino como todos queremos.

—E como é ese ensino ao que aspira FANPA Compostela?

—Ten que ser un ensino galego, máis democrático, plenamente inclusivo, un ensino que dea respostas ás necesidades do alumnado e que sexa gratuíto. Nestes días de inicio de curso fálase moito dos gastos en libros e en material escolar. A nosa federación e as asociacións galegas entendemos, e así o reclamamos, que o ensino obrigatorio debe ser realmente gratuíto, e isto é que a escolarización non supoña ningún gasto para as familias, sexan libros, material escolar e tamén as saídas didácticas.

—As pantallas forman parte dese material, e o seu uso ou limitacións está no debate do modelo educativo. Que visión ten delas a federación?

—Os debates non se poden simplificar nin polarizar. Non pode ser pantallas si ou pantallas non. O debate ten que ser sobre cando se usan, como e para que. Para ter unha cidadanía con competencias dixitais que faga un uso responsable hai que formala. Vivimos nun mundo dixital e sería unha irresponsabilidade non facelo. Temos que formar a persoas capaces de vivir no mundo porque hoxe usamos a tecnoloxía para pedir unha cita médica, facer a declaración da renda ou mercar unha entrada de cine. Tamén hai que ter en conta o uso pedagóxico e o que se pode facer con certos recursos para a aprendizaxe dos contidos. Hai que traballar esa competencia dixital, que é moito máis ca un uso instrumental, é a capacidade de entender como funcionan as tecnoloxías. Outra cousa son os móbiles na escola, que en Galicia están prohibidos. Aquí o debate é a que se accede cos móbiles. Todo isto está conectado con esa formación que debemos reclamarlle á escola.

—Cando falaba de como ten que ser o ensino incidía no uso do galego. Moito alumnado deixa de falalo na escola. Por que, e como se pode evitar?

—Un reto para este curso é a emerxencia lingüística. As familias e as ANPA non podemos ser alleas á situación do galego neste país porque estamos perdendo a nosa propia lingua, e sobre todo estanse a perder galegofalantes nos grupos de idades máis cativas e na adolescencia. As ANPA temos un papel por facer reivindicando que se aposte realmente polo galego nas escolas e no ensino. E tamén temos que reivindicalo usándoo nas nosas comunicacións do día a día.

—Pero agora estase vivindo unha especie de rexurdimento da cultura tradicional galega. Por que, entón, o galego perde falantes?

—Eu penso que moitas veces o uso do galego nas escolas vincúlase a datas e acontecementos especiais relacionados precisamente coa Galicia tradicional, pero o galego ten que estar en todos os espazos. O castelán está en todas partes, o que hai que potenciar é o galego. E no ensino non se está facendo, porque só se pode empregar en determinadas materias.

—As familias levan anos xestionando comedores, unha responsabilidade que non lle corresponde. Ata que punto o esforzo das asociacións pode dilatar que se cumpra o obxectivo de xestión pública deste servizo?

—As ANPA sempre tiveron un papel reivindicativo dunha escola pública e dun país democrático, e no seu momento intentaron dar resposta á incorporación cada vez maior das mulleres ao mercado laboral para facilitar a ‘dichosa’ conciliación, pero sen esquecer que ás veces hai que seguir pelexando. De feito, en Santiago, antes de que os comedores dependeran do Concello, as asociacións que os xestionabamos nos plantamos e dixemos ‘ata aquí’ antes dunhas eleccións municipais para que o goberno que chegase asumise os comedores. Ao final, colleunos o Concello. Ás veces hai que plantarse para que a administración correspondente dea resposta. E despois hai que seguir traballando para garantir a calidade do servizo.

—O curso comeza este 8 de setembro. Que información manexan sobre os centros?

—Co inicio do curso hai centros que van sabendo o persoal que lles conceden, pero, en xeral, ás ANPA non se lles transmite esa información, polo que a partir dese día é cando a solicitan. O que facemos na federación é recoller esa información de cada unha das asociacións e ver as súas demandas. O que si podo dicir é que o inicio do curso do ano pasado foi tremendo porque nos atopamos cunha situación que era unha desfeita en moitos centros de Santiago, con importantes reclamacións no CEIP As Fontiñas, no Apóstolo Santiago, o Quiroga Palacios...

—E que vai pasar este ano?

—Pois o que vai pasar é máis do mesmo. A política educativa é a que é. Queda moito para chegar á inclusión educativa real. Nunca estivemos sobrados de recursos, pero realmente o recorte en apoios e nos especialistas que están nos departamentos de orientación foron a máis. O acordo que asinaron os sindicatos para aplicalo no 2024 ten cousas boas, pero se o fas a custe cero pasa o que pasa. Se diminúes as horas lectivas do profesorado tes que poñer máis recursos, porque iso implica que hai menos horas de apoio para tarefas de biblioteca, para traballar en proxectos innovadores ou para cubrir as baixas... E isto non se contemplou, e xa non estabamos sobrados de horas para a atención do alumnado. Hai que ter en conta que a atención e a inclusión educativa hai que traballala para que sexa real porque non é ter a un alumno ou alumna nun aula e prestarlle atención de vez en cando.