Fernando Calvet, cando a ciencia produce riqueza
O PORRIÑO

Por que nos anos trinta do século XX xurdiu no Porriño un polo químico-farmacéutico que co tempo se consolidou como un dos máis completos de España? A resposta non está nin na xeografía nin nas infraestruturas, senón na pegada fonda dun científico que entendeu, antes que moitos, que o coñecemento podía ser motor de desenvolvemento económico e social: Fernando Calvet i Prats (1903-1988). Chegado a Santiago en 1929, con apenas 26 anos, Calvet incorporouse á Facultade de Ciencias da USC como catedrático de Química Orgánica e Bioquímica. Traía consigo unha ansia inmensa de coñecer e unha formación internacional extraordinaria: doutorouse en Oxford, cunha bolsa da Fundación Ramsay, e realizou estadías de investigación en Alemaña, Suecia e Escocia, onde entrou en contacto cos mellores científicos europeos do momento, entre eles dous premios Nobel Heinrich Otto Wieland e Hans von Euler-Chelpin. Esa experiencia dotouno dunha visión cosmopolita e moderna da investigación, que non só aplicou á universidade galega, senón que tamén puxo ao servizo da sociedade.
O seu espírito moderno levouno a introducir métodos de vangarda en Compostela, a promover a presenza das mulleres na ciencia e a defender unha universidade en diálogo coa sociedade. E o seu profundo sentido ético fixo del un convencido de que a investigación debía servir ao ben común. Xa en 1934 propoñía transformar aceites de peixe en lubricantes industriais, unha idea que amosaba a súa capacidade de pensar o futuro con criterios de sustentabilidade e utilidade social.
A Guerra Civil truncou aquela primeira etapa: foi depurado, encarcerado e apartado da docencia universitaria. Mais non renunciou á ciencia. En 1939, retornado do exilio e tomando como base a experiencia do Instituto Bioquímico Servet de Vigo, participou na creación dos Laboratorios Zeltia, no Porriño, facéndose cargo da súa dirección científica, impulsando unha verdadeira revolución silenciosa que axiña situou a compañía entre as farmacéuticas máis dinámicas de España. O éxito de Zeltia residiu na combinación de tres factores decisivos: o ideolóxico, representado polo farmacéutico Francisco Rubira e polo médico Ramón Obella, que xunto con Calvet compartían unha forte sensibilidade galeguista, convencidos de que Galicia debía aproveitar os seus recursos naturais para producir bens de alto valor engadido; o empresarial, liderado polo dinamismo da familia Fernández, capaz de mobilizar capital e proxectar unha industria de futuro; e o científico, encabezado por Calvet. Zeltia converteuse así nun espazo de modernidade e nun refuxio intelectual onde atoparon acubillo científicos de primeira como Faustino Cordón ou Isidro Parga Pondal, tamén apartados da ciencia oficial da ditadura.
Daquela alianza naceron, en poucos anos, medicamentos como a insulina, a efedrina ou a foliculina, así como o insecticida ZZ, émulo do DDT. Era ciencia posta ao servizo da sociedade, xerando riqueza, postos de traballo cualificados e novas oportunidades nunha Galicia empobrecida. En 2025, a Real Academia Galega de Ciencias recoñece a Fernando Calvet i Prats como Científico Galego do Ano, salientando non só a súa traxectoria investigadora, senón tamén a súa integridade persoal e o seu compromiso cun país máis culto, máis libre e máis próspero. A súa figura simboliza a resposta á pregunta inicial: no Porriño existe un polo biotecnolóxico porque houbo quen, hai case un século, uniu ética e modernidade para demostrar que a ciencia, ademais de coñecemento, podía e debía producir riqueza.