
Debaten se nomear o animal, que se atopa no refuxio da Illa de Tali, América, Brétema, Serea ou Area
15 jul 2025 . Actualizado á 21:11 h.A Illa de Tali busca un nome para a egua que rescataron o domingo en Praia América. O animal estaba perdido e no areal asustouse e lanzouse ao mar. «Botou como 45 minutos percorrendo a ría. Desde o faro, chegou case ata Santa Marta (Baiona) e acabou pastoreándoa unha barca ata a costa», explicou unha testemuña.
A fundadora do refuxio de animais de Nigrán, Natalia Rodríguez, explica que se están decidindo entre catro nomees: América (o nome da praia onde apareceu), Brétema, Serea ou Area. Ademais, indica que se alguén quere facer unha suxestión poden escribirlle a través das súas redes sociais.
O rescate da egua produciuse grazas á intervención da lancha Illas Cíes de Gardacostas de Galicia. A embarcación acompañouna ata unha zona rochosa de Monte Lourido, onde o animal, xa extenuado pola súa travesía marítima, puido ser sacado da auga. Aínda que tiña un colar, a egua carece de microchip e non puido ser identificada a persoa responsable do animal.