A costureira viguesa une tradición, feminismo e música popular no novo disco de Acordeireta xunto a Alejandro Balbuena: «Baixo os remendos, nós»
16 may 2026 . Actualizado a las 02:37 h.Patricia González (Vigo, 1971) leva media vida entre fíos, patróns, pandeiretas e coplas. Costureira de oficio e pandereteira por vocación, recoñece que xa non sabe moi ben onde remata unha faceta e comeza a outra. «Estamos aí cincuenta-cincuenta», di sobre o equilibrio entre a confección e o proxecto musical que comparte coa súa parella o acordeonista Alejandro Balbuena, no dúo Acordeireta. O que empezou como algo «máis lúdico», tocando en bares e musicando poemas, acabou converténdose tamén nun traballo profesional.
Acordeireta vén de publicar Baixo os remendos, nós, un disco no que música tradicional, poesía e reivindicación social aparecen entrelazadas.
A idea naceu, precisamente, da súa experiencia como costureira e da relación que descubriu entre o oficio e o cancioneiro popular galego. «Dinme conta de que o cancioneiro popular nunca falaba ben das costureiras», explica. «Había moi poucas coplas que lles desen valor». A excepción, según lembra, era Rosalía de Castro. «Falando con Anxo Angueira, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, decatámonos de que a única persoa que alababa ás costureiras era ela».
Daquela decidiron musicar un fragmento dun poema da autora de Padrón para o primeiro disco. Máis adiante apareceu no seu camiño o poeta labrego Paco Ledo, que lle enviou un texto dedicado ás costureiras no que figuraba o verso que acabaría dándolle nome ao álbum. A costura atravesa tamén os concertos do dúo. Nos directos, Patricia utiliza unha antiga máquina de coser como instrumento de percusión. «Decidimos meter o son das antigas», conta. O ruído mecánico convértese nun ritmo máis dentro dos temas. «É unha tontería, porque en realidade só lle dou á manivela, pero a xente alucina». O espectáculo complétase con pratos de porcelana tocados con dedais, nunha homenaxe ás mulleres que pasaron décadas dando forma ás vestimentas.
Sobre o refrán «Coser e cantar, todo é empezar», aínda que admite a retranca da frase, non está demasiado de acordo con ela. «O choio é rematar», di entre risas. Porque, insiste, «non, non é fácil coser e cantar ben». Na vida de Patricia, os dous oficios levan anos construíndo un camiño paralelo. Por exemplo, facendo fundas de instrumentos e a roupa para xente que baila e canta. Incluso atopou un paralelismo inesperado coas modistas que ían de casa en casa buscando tarea. «Hai pouco fun levar un traballo á Coruña antes dun concerto e pensei: ao final sigo facendo o mesmo que aquelas mulleres, pero modernizado». Ese diálogo constante entre tradición e presente aparece tamén nas letras do disco. A viguesa —que fai os traxes de media Festa da Reconquista— recoñece que moitas coplas tradicionais resultan hoxe difíciles de asumir. «As mulleres quedaban mal en case todas», lamenta. Por iso, Acordeireta decidiu conservar ritmos populares pero actualizar os textos.
Un exemplo é Canto de esperanza, peza construída sobre unha melodía tradicional aprendida por Patricia de nena e cun texto da escritora Raquel Castro. «Pedímoslle unha letra feminista e reivindicativa», conta. A canción acabou converténdose tamén nun videoclip recentemente nomeado para o Festival de Cans. No disco está moi presente tamén a figura de Luz Fandiño, coa que o dúo mantivo unha relación moi estreita. Patricia fala dela con enorme cariño. «Era unha muller brava e rebelde», lembra. Conta que a propia poeta lles dicía que a música e a poesía van xunguidas, frase que acabou marcando a filosofía de Acordeireta. Un dos poemas incluídos no álbum foi escrito por Fandiño cando emigrara moi nova á Arxentina e se sentía soa. «Ela recitounolo moitísimas veces», explica. O máis especial para ela foi que puidese escoitar a canción antes de morrer. Outra das creacións máis especiais nas que traballou o dúo é unha muñeira dedicada á escritora Begoña Caamaño que no está no disco. A peza naceu coa intención de homenaxear unha autora «que estaría flipando» vendo hoxe bailar música tradicional con letras actuais e comprometidas».