O mozo piloto do Porriño, de 14 anos, tiña tres ofertas e decantouse polo equipo co que gañou en Xerez e asinou por un ano prorrogable
05 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Iker Rodríguez, mozo piloto do Porriño de 14 anos, acaba de dar un paso importante na súa carreira no mundo do motociclismo. Na mañá deste xoves, asinou polo equipo Laglisse, co que correrá a próxima tempada a European Cup en Moto4. O acordo cunha das escuadras punteiras na formación de pilotos é por un ano, pero prorrogable e coa intención, por ambas as partes, de construír un proxecto de longa duración. A próxima tempada comezará en maio no Circuit de Catalunya, pero o porriñés xa inicia esta mesma fin de semana a pretemporada marchándose adestrar unha semana a Valencia. Desde alí seguirá as clases no colexio Marcote vía en liña. O centro dálle todas as facilidades para que poida compaxinar estudos e motociclismo.
Despois dun ano duro, no que apenas puido correr catro de carreiras (Italia, Francia, Cataluña e Xerez), sae o sol para Iker Rodríguez. A clave estivo na súa proba co equipo Laglisse en Xerez o pasado mes de novembro, a principios. Cunha nova moto, foi capaz de protagonizar unha espectacular remontada: o porriñés pasou da vixésimo segunda posición na que saíra a gañar a proba.
Entón abríronselle as portas para elixir a mellor opción de cara ao futuro. Iker tiña tres e foi el quen se decantou persoalmente por Laglisse. «Gustoulle o equipo, como traballaban os técnicos, como foran as cousas e, finalmente, decidiuse por eles. Tiña tres ofertas boas pero decantouse por esta», comenta o seu pai, Jaime.
A nivel económico, o porriñés ten garantido o presuposto da tempada (recibe unha axuda do equipo e o resto custéase con patrocinios xestionados polo seu xestor) e poderá facer o calendario continental na súa integridade, comezando por Barcelona o 24 de maio para pasar a continuación por Estoril (xuño), Xerez e Francia en xullo, en agosto haberá descanso e en setembro retornará a actividade no circuíto Ricardo Tormo de Valencia, pasando despois por Aragón e acabando a tempada en Italia, en Emilia-Romagna a mediados de outubro. Sete probas en total para a Moto4 European Cup, o nome do campionato.
E aínda que case quede medio ano para o inicio do campionato e que o curso 2025 estea recentemente rematado, o piloto do Porriño xa está a piques de iniciar a pretemporada marchándose a Valencia para realizar diferentes test e adestramentos desde o sábado e durante unha semana. Ademais, no Porriño xa está a facer ximnasio e pilotando no circuíto da escola na que imparte clases os seus pai. O piloto é consciente que está ante unha grande oportunidade para progresar no mundo da velocidade nas motos.
Iker, que creceu na escola de pilotos do seu pai, saltou ao primeiro plano no ano 2023 cando con 12 anos converteuse no piloto máis mozo da grella de Moto4 e estivo a un paso de gañar o nacional da categoría, sendo finalmente subcampión. Agora agárdalle un novo reto.