A factoría de máis de 3.000 concertos

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

XOÁN CARLOS GIL

Quique Rodríguez, coñecido como «o alcalde de Churruca», lembra a traxectoria dA Fábrica de Chocolate, que cumpre 20 anos e é un dos templos da música en directo que quedan en Vigo

07 jun 2025 . Actualizado á 00:55 h.

Un 26 de xuño do 2005 empezaba en Vigo a historia dun dos poucos bares de Churruca con escenario e unha programación fixa de concertos. No seu día houbo máis, pero actualmente, á popular zona de lecer da cidade, apenas lle quedan templos do directo.

A Fábrica de Chocolate cumpre 20 anos de vida e adiantou a celebración durante o mes de maio cunha chea de actuacións por razóns prácticas. «En xuño xa están as bandas en modo verán e é moi difícil pillalas», conta Quique Rodríguez González (Vigo, 1975), cofundador e actualmente socio do local xunto a Kin Martínez, da produtora Esmerarte, e Marcos Vázquez, teclista de Eladio e os Seres Queridos cuxo cantante, Eladio Santos, é o técnico de son da sala viguesa xunto a Sergio DJ.

Daqueles inicios lembra que «había dous locais con concertos e moita demanda de salas. CoA Fábrica xurdiu a oportunidade, xuntámonos Jose, dA Casa de Arriba, a xente de Esmerarte e eu, e aí estamos, 20 anos despois dunha crise económica, unha pandemia e tres papás mortos», resume.

Pensando en como era entón, Quique (ao que todo o mundo chama «o alcalde de Churruca» e pode presumir de que lle gaña en dous ao rexedor oficial no posto) reflexiona sobre o cambio que se produciu no negocio musical. «Cando empezabamos aínda se vendían discos e non había venda de entradas en liña. Son cousas que parece que existen desde sempre, pero foi antonte», comenta.

Outro punto de inflexión importante para eles, como sector e como traballadores, foi cando se prohibiu fumar nos bares. «Cando vexo fotos de entón fumando na barra dáme ata noxo. Como podiamos facer iso? Saïamos de alí con aquel cheiro que se te pegaba á roupa, ao xeito...».

O hostaleiro pensa que era moito máis doado acceder aos grupos aos que contrataban. «Moviamos a bandas de Australia, do Canadá... Entón era moito máis doado facer xiras e había axudas para tocar fóra. Nós seguimos traendo moitos grupos de fóra, pero é diferente, é máis complicado. Antes era: ‘Este grupo está de xira. Quérelo? Si, vinga, pois vale'. Agora tes que regatear os prezos e velo todo moi ben. Ademais, hai moita autoproducción. A maior parte dos grupos móvense eles e desapareceron aqueles circuítos. E outra cousa para valorar é que ao final, con tantos anos de experiencia, aprendes a como non tirar o diñeiro», xustifica.

O escenario dA Fábrica inaugurouno o batería norteamericano Slim Jim Phantom, que formou parte dos Stray Cats. «Esqueceunos instalar o aire acondicionado e foi un caos, era un concerto de rockabilly e á xente caíalle o flequillo», lembra con humor agora».

A partir de aí foron tantos os birlos que pasaron por alí, que lle resulta tarefa imposible dar unha cifra aproximada. «Eu creo que entre 3.000 e 4.000 pode andar a cousa», calcula grosso modo. Os nomes son tamén infinitos, pero o alcalde menciona entre os memorables a Heavy Lungs, Kid Congo Powers, Micah P. Hinson, Tha Black Lips, ou War on Drugs, «que pasaron de vender nA Fábrica 40 ou 50 entradas a en dous meses, pegar o campanazo no Primavera Sound e petalo». Ultimamente, na sala de concertos viguesa impulsan os mozos bandas locais. Temos varios festis con, por exemplo, a Escola Audiovisual de Vigo, coa que iniciamos unha colaboración. Nós expomos a nosa idea de que ningún grupo toca por primeira vez nun estadio de fútbol. Se morren locais como o noso, que é o que está a pasar en Vigo, non hai esa progresión», opina.

A Fábrica non foi o primeiro bar de Quique que, como explica, empezou a traballar no sector con 22 anos polas súas inquietudes musicais e tivo antes outros garitos máis tranquilos, como o Vauxhall, na rúa López de Neira, e outro local onde se iniciou como DJ. Agora é o seu fillo, de 18 anos, o que lle segue os pasos.

A Fábrica é un local de reducidas dimensións pero a percepción en canto á capacidade tamén cambiou: «Tivemos entre 300 e 320 persoas en concertos, pero a nosa cifra ideal actual está entre 220 a 240 espectadores para estar ben, a gusto», recoñece sobre unha política de máis confort que tamén lles inclúe como pioneiros en adiantar horarios.

Desde 2005

Onde está

Rúa Rogelio Abalde, 22. Vigo