A Fórmula 1 do mar desembarca en Vigo

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

Cedida

Once veleiros de fibra de carbono competirán nas Rías Baixas do 2 ao 7 de xuño

20 may 2025 . Actualizado á 00:28 h.

As augas das Rías Baixas empezan a sentir a emoción da vela de alta competición coa chegada dos espectaculares TP52, os monocascos de fibra de carbono considerados a Fórmula 1 do mar. Tras unha viaxe desde Saint Tropez a bordo do cargueiro Friedhelm, nove dos once veleiros participantes na Galicia 52 Super Series Royal Cup foron descargados hoxe no porto de Vigo.

Cos seus 15,85 metros de eslora, grandes superficies vélicas e quillas deseñadas para máxima velocidade, os TP52 son recoñecidos pola súa lixeireza e rendemento, asegurando competicións cheas de adrenalina. Chegaron por mar o Alkedo (Italia), Alpha+ (Hong Kong), Paprec (Francia), Platoon (Alemaña), Provezza (Turquía), Sled (EE.UU.), American Magic Quantum Racing (EE.UU.) e Team Vayu (Tailandia).

Tras a súa descarga en Vigo, os veleiros foron trasladados a Marina Davila, onde permanecerán ata a súa travesía definitiva ao Monte Real Club de Iates de Baiona, sede da competición. Con esta, Galicia converterase no epicentro da vela mundial, recibindo aos mellores equipos do mundo.

Entre eles está o italiano Alkedo, de Andrea Lacorte, que debuta este ano na proba das Rías Baixas cunha tripulación consolidada da que forman parte nomes tan destacados como os de Cameron Appleton ou as catro veces olímpico Álvaro Marinho. Tamén o Alpha+ hongkonés, liderado por Shawn e Tina Kang, que obtivo o cuarto posto no Mundial e ten de temoneiro ao mozo Nick Egnot-Johnson. O Paprec francés, con Jean-Luc Petithughenin ao mando, ten na súa formación á lenda oceánica Loïck Peyron como táctico.

Outro equipo destacado chega desde Alemaña: o Platoon de Harm Müller-Spreer. Os expertos sinalan que ten moitas papeletas de estar entre os primeiros grazas a un equipo técnico consolidado liderado polo carismático italiano Vasco Vascotto e o mallorquino Jordi Calafat. O turco Provezza, que arma e patronea Ergin Imre, atesoura unha ampla experiencia no circuíto e o estadounidense Sled, de Takashi Okura, ten entre as súas filas ao táctico Murray Jones, seis veces gañador da America's Cup.

Non faltará á cita as seis veces campión das 52 Super Series, o estadounidense American Magic Quantum Racing, de Doug De Vos.