
A baixa confirmada de Zakaria deixa ao marroquí como único punta do primeiro equipo para a visita do Dépor a Zaragoza, onde buscará o seu segundo gol
24 may 2025 . Actualizado á 23:31 h.É moi probable que Mohamed Bouldini poida repetir celebración. Cando estreou a súa conta no Deportivo, a mediados de outubro fronte ao Eldense, correu á banda para abrazarse con Pablo Martínez. «Hoxe marcas seguro, Bouldi», prognosticáralle o central antes de que o ariete marroquí saltase ao céspede de Riazor. Sete meses despois, o defensor volve ser habitual no banco branquiazul (entón facía sitio a Dani Barcia; agora, a Jaime Sánchez) e o dianteiro busca dobrar a súa conta de dianas ao servizo do conxunto coruñés.
Non anotou máis o futbolista comprado o pasado verán ao Levante, que apenas foi titular en cinco ocasiones cando faltan dúas xornadas para que conclúa o curso. Acadará, case seguro, a media ducia esta tarde (18.30 horas, LaLiga Hypermotion) nA Romareda, onde se presenta sen máis competencia pola praza que os reforzos do Fabril.
«Nun primeiro momento, tras o susto, case non tiña nada de gravidade, pero está dolorido, con mazaduras que lle imposibilitaron adestrar e é difícil que poida estar. Sen ter nada grave, ten dor». Óscar Gilsanz descartaba así o venres a Zakaria Eddachouri, aludindo á caída do neerlandés ás rocas do paseo marítimo. O mércores xa quedara fóra da ecuación o outro aspirante a coroar o ataque do Dépor. Barbeiro recibiu dous encontros de sanción pola primeira expulsión na súa carera. Vermello por acusar de ser «malísimo» ao árbitro do choque contra o Granada. O castigo adiantou o final de campaña do almeriense xusto cando se atopaba en refacho: tres choques seguidos facendo gol.
O rexistro disparou a sete o rexistro dunha tempada discreta que empezaba a endereitar. Son tres máis que os asinados por quen lle arrebatou en xaneiro a condición de ariete principal. No 2025, Zakaria figurou trece veces na formación inicial; Barbeiro, en cinco oportunidades; Bouldini, en dous. A última foi no Helidoro, catro meses atrás.
Se non hai sorpresa, terá un par de xornadas de marxe para corrixir as impresións ofrecidas ata o de agora, aínda que non será na situación ideal. Por unha banda, porque os próximos rivais xogan os seus obxectivos (a permanencia do Zaragoza e o ascenso do Elxe); por outro, porque o marroquí non estará rodeado da primeira unidade. Os meritorios fóronse coando no once, aproveitando as lesións dos máis habituais e a zona tranquila na que se instalou o conxunto branquiazul.
O último en abrirse paso foi Germán Parreño, postulante a repetir baixo paus nA Romareda. No carril dereito, non hai outro que Petxarroman, mentres que no esquerdo, Sergio Escudero aspira a completar o seu proceso de recuperación exercendo de titular. Jaime é quen agora comparte o eixo da zaga co infatigable Pablo Vázquez e as dúbidas acentúanse cando toca prognosticar o socio de Diego Vilares en zona de creación. Hugo Rama, Charlie Patiño, Nuke Mfulu ou Denis Genreau. Ningún encheu o ollo do míster nin o da inchada.
Por diante, a presenza constante de Mario Soriano está en risco a causa dunhas molestias na cadeira, aínda que Gilsanz mostrouse optimista acerca da posibilidade de contar con el. Flanquearíao Diego Gómez pola dereita, quedando a esquerda para Yeremay. O canario é o principal foco de atención (e de temor) en Zaragoza. Está pendente dunha citación para a Eurocopa sub-21 que condicionaría aínda máis un atarefado mes de xuño no que se decidirá sobre a súa continuidade.
Á espera da lista que Santi Denia facilitará mañá, o dono do 10 segue facendo dianas. Coa do domingo pasado, son xa quince, para compensar dalgún modo esa seca que afectou aos rematadores do Deportivo. Especialmente, a Mohamed Bouldini, invitado a maquillar a tempada antes de que baixe o pano.
Aliñacións probables
Zaragoza: Poussin; Francho, Vital, Jair, Clemente; Arriaga, Guti; Pau Sans, Aketxe, Adu Ares; Soberón.
Deportivo: Parreño; Petxa, Pablo Vázquez, Jaime Sánchez, Escudero; Vilares, Mfulu; Diego Gómez, Mario Soriano, Yeremay; Bouldini.