
O carismático central, que conectou desde o primeiro momento coa afección, di adeus despois de tres tempadas: «Irei como un deportivista máis»
26 may 2025 . Actualizado á 17:20 h.Marcha Pablo Martínez. O seu carisma. A súa indubidable conexión coa bancada de Riazor. O seu compromiso. E o seu liderado. Ese que, durante este curso, tivo que exercer desde o banco e non desde o verde. Con 36 anos, 94 partidos e catro goles, despídese dunha cidade e un club que calou fondo nel. «Despois de tres anos defendendo este escudo e esta camiseta, os nosos camiños sepáranse. Foron tres anos marabillosos. Desde que cheguei, a xente ensinoume o que era o Dépor. (...) Grazas á afección por todo, polo apoio que me mandastes. Foi un sentimento moi forte defender esta camiseta. Irei como un deportivista máis», subliñou o francés durante un emotivo vídeo de despedida.
O contrato do central finalizaba en xuño e, aínda que existía unha opción de ampliar a súa vinculación un curso máis en caso de cumprir certos obxectivos, Martínez deixará de vestir a elástica branquiazul. Unha que podería enfundarse, por última vez, este domingo en Riazor. A que sempre será a súa casa. «Xogar neste estadio foi un escándalo. Ver como a xente anima ao equipo, sobre todo o día do ascenso, foi unha tolemia. Cada vez que pisas este campo sabes o que tes que facer. Se vas con todas as ganas do mundo, a xente vaicho a agradecer. E eu saín sempre o campo con esta idea, dar todo. Ás veces saíume ben, ás veces un pouco menos, pero esa a idea», dixo sobre o feudo do Dépor e a súa afección.
«Non mentín. Cando cheguei dixen que quería deixar a este club no mundo profesional e conseguímolo o ano pasado con esta piña. Con toda a xente, co persoal que tiñamos e co adestrador tamén, porque eu creo que todo saíu de aí», apuntou sobre o ascenso a Segundo. Un do que foi peza crave. Non viñera ao Dépor para xogar en terceira nin para vivir no pasado do club. El quería devolvelo ao fútbol profesional e, tras cumprir o prometido, pecha o seu círculo. Un que, incluso, estivo a piques de non abrirse nunca. Porque houbo un momento en que Martínez expúxose seguir co seu traballo e que o fútbol fose iso, un mero entretemento.
«Traballei no Carrefour e na empresa dos meus pais, iso si dá medo. Non saber se os teus fillos van estar ben, se van ter un prato diante... Iso é o medo. Nunca o sentín nun campo de fútbol», desvelou nunha entrevista en La Voz un xogador que, durante estes últimos tres anos, gañouse o cariño da parroquia deportivista. Pola súa forma de ser natural, sen filtros e espontánea.

A afección vivía un déjà vu desde hai semanas. Porque, a finais de maio do 2024, o futuro do galo tamén foi unha incógnita. Aumentouna cun gol ante o Castelló. Esa celebración do baile do cangrexo que rematou cun bico e un aceno ao escudo. Aquela tarde Riazor despediulle con cánticos de «Pablo, fica». Os deste domingo serán diferentes. Pero, do mesmo xeito que ocorreu hai un ano, PaMa volverá emocionar.