MJ Pérez estrea «Tanto por Loitar» para alentar ao Dépor Abanca en busca do ascenso

TORRE DE MARATHÓN

MJ Pérez estrena su canción Tanto por Loitar, inspirado en el Dépor Abanca
MJ Pérez estrea a súa canción Tanto por Loitar, inspirado no Dépor Abanca CEDIDA

A cantautora arzuá estivo vinculada ao mundo do fútbol desde a infancia e é deportivista desde sempre

19 abr 2024 . Actualizado á 16:35 h.

MJ Pérez, cantautora arzuá, estreou este venres 19 de abril o seu tema «Tanto por loitar», unha canción inspirada no Dépor Abanca pero que fala de todas aquelas que fixeron camiño antes e das que non xogan, pero seguen dando alento ás novas xeracións.

A arzuá compuxo este tema xa hai un tempo, no 2019, cando o Dépor Abanca arrasou en Primeira División a todos, pero non foi ata o de agora cando puido pasar por un estudo para poder producilo. O título da canción ten un significado especial porque resume a situación actual do fútbol feminino, xa que a pesar de estar nun momento no que se avanzou moito, aínda queda moito por facer.

MJ Pérez, debido ao posible ascenso do equipo coruñés á liga F, quixo apurar a produción desta canción para chegar a tempo antes do final de tempada e dar un último empuxón para animar a todas as xogadoras. «Pase o que pase o domingo, non estarán soas, como nunca o estiveron ao longo da tempada e ao longo destes anos», sinala a cantautora.

Para ela os tres piares fundamentais para apostar por esta canción son o apoio, a visibilidade e o exemplo. Ante todo, apoiar o equipo. En segundo lugar, pór o seu gran de area á visibilidade do fútbol feminino en xeral e do Dépor Abanca en particular. En último lugar, por ser exemplo dos valores do deporte e do deportivismo e porque representan a moitas que estiveron e son un referente para aquelas que virán.

Unha cantautora un tanto seareira

MJ Pérez, ademais de cantautora, descubriu desde os cinco anos que unha das súas paixóns era o fútbol. Gran parte da súa infancia pasouna xogando en equipos de mozos porque non tiña outra opción e non foi ata 2018 cando MJ formou parte durante dúas tempadas no Arzúa FCF. 

A propia artista admite que non sabe moi ben como puido compatibilizar o fútbol coa súa actividade musical, xa que foi capaz de xogar, dar concertos e incluso preparar un novo disco.