O Dépor Abanca xa roza cos dedos o ascenso á liga F

Iván Antelo REDACCIÓN

DÉPOR FEMININO

La Voz

Subirá o domingo á máxima categoría do fútbol feminino se gana en Riazor ou non consegue un peor resultado que o Espanyol

13 abr 2024 . Actualizado á 23:12 h.

Non houbo sorpresa en Barcelona, onde o Espanyol goleou sen piedade ao descendido Madrid CFF B (5-0); polo que a resolución polo ascenso directo á liga F deberá agardar, polo menos, unha semana máis. A contas son claras. O Dépor Abanca ascenderá o vindeiro domingo 21, no estadio de Riazor (12.00 horas, Youtube RC Deportivo), se gana ao Cáceres ou consegue o mesmo resultado que as pericas, que terán unha difícil visita ao Barcelona B, o equipo en mellor forma da liga.

As coruñesas dispuxeron este sábado da súa primeira oportunidade para lograr o ascenso, pero non dependían delas. Necesitaban que o Espanyol perdese no seu feudo contra un equipo xa desafiuzado e non se obrou o milagre. As catalás golearon no encontro que abría a xornada e o Dépor xa saíu ao seu partido contra o Athletic B sabendo que non habería festa, polo menos esta fin de semana.

Aínda que custou moito, as de Irene Ferreras gañaron no campo número 8 de Lezama (0-1) e agora téñeno todo na súa man. O Deportivo recibirá o domingo 21 en Riazor ao Cáceres sabendo que xa non ten que atender a outros campos. Válelle simplemente con gañar, pois o Espanyol está agora mesmo a catro puntos e xa só quedaría outra xornada máis por disputarse. É posible que as branquiazuis incluso puidesen festexar o salto de categoría perdendo ou empatando en Riazor, pois o Espanyol ten un duelo moi complicado no feudo do Barcelona B. Abóndalle non facer un resultado peor que o Espanyol.

O filial culé non perde un partido desde o 17 de decembro, incluíndo unha avultada goleada sobre o propio Dépor (6-2) hai un mes. O club coruñés agarda encher Riazor. Os socios poderán acceder gratis e o resto do público poderán comprar entradas ao prezo de cinco euros.

No caso de que o Dépor non logre ascender na próxima xornada, aínda tería unha última oportunidade o sábado 27 en Albacete.

Millene sacou dun apuro ás branquiazuis en Lezama

A pesar de xogar ante un rival xa descendido, o Dépor Abanca tivo que sufrir moitísimo para sacar adiante o encontro contra o Athletic B (0-1). Decidiu un gol de Millene mediada xa a segunda metade, despois dun período inicial no que as de Irene Ferreras xa se puideron adiantar. Sobre todo, despois dunha gran xogada de Ainhoa Marín ao fío do descanso, que Eva Deus non foi capaz de materializar cando estaba soa no segundo pau. As locais acabaron envorcadas sobre a meta de Lucía.

Ficha do partido

 ATHLETIC B: Astralaga, Amaia, Bengoa, Laida, Nerea, Claudia Fernández, Iribarren, Irati Martín, Oihane San Martín, Thais e Uranga.

 DEPORTIVO: Lucía Alba, Samara (Lucía Rivas, min 70), Inés Altamira, Raquel García, Clara (Elena, min 46), Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Lucía Martínez, min 85), Eva Deus, Charle (Ana de Teresa, min 46) e Millene..

GOL: 0-1, min 66: Millene.

ÁRBITRO: Coral Couso Cadrado (comité catalán).