A bancada cantou «Longo selección» e celebrou os pases en defensa do Deportivo

Efe

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

Sarcasmo en resposta ao peor Deportivo que se lembra en Riazor

08 dic 2019 . Actualizado á 19:00 h.

O deportivismo respondeu este domingo con sarcasmo aos peores rexistros do club galego na súa historia no fútbol profesional, no que nunca antes enlazara 18 partidos sen gañar.

Despois de pedir a dimisión da directiva, sobre todo desde o fondo dos Riazor Blues, e do director deportivo do club, Carmelo do Pozo, nos minutos finais do partido co Zaragoza, xa tras o 1-3 de Luis Suárez, a ironía invadiu a bancada.

Soaron olés cando os xogadores do Deportivo, sabéndose derrotados, movían o balón en defensa.

A retranca galega cebouse co dianteiro italiano Samuele Longo, que foi suplente e non achegou nin goles nin xogo ao Deportivo desde que chegou no mercado estival.

Entoaron o 'Longo selección' para o dianteiro italiano, que aínda non se estreou como goleador co conxunto galego, ao que chegou no verán.

Ao final do partido houbo asubíos e algúns panos que os xogadores escoitaron e viron desde o círculo central mentres o Zaragoza celebraba o triunfo cos seus seguidores.

Xa fóra do estadio, un grupo de seareiros increparon aos xogadores que saíron pola porta de tribuna, caso do venezolano Christian Santos, que está de baixa por lesión.