O Deportivo e o drama de descender xa en decembro

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

09 dic 2019 . Actualizado á 11:51 h.

Ningún equipo do mundo pode ascender en decembro, nin xaneiro, nin en febreiro. Pero o Deportivo está a piques de convencer o mundo de que se pode descender antes de consumir sequera a metade dunha liga. Unha tormenta perfecta parece anticipar o drama: o pésimo deseño do persoal realizado polo director deportivo que Tino Fernández deixou atado ao posto, Carmelo do Pozo, a indigencia futbolística que mostraron os xogadores durante meses, a incapacidade para atopar unha reacción por parte dos dous adestradores, Anquela e Luis César, e ata o desnorte dun sector da afección convencido de que incendiar o ambiente (con pintadas no estadio e a casa dalgún empregado) pode solucionar algo en lugar de converter Riazor nun lugar ao que poucos profesionais queiran chegar en xaneiro.

Se non está descendido aínda o Deportivo, non hai dúbida de que necesita un cambio radical, o que vai de sumar 12 puntos en 18 xornadas, a converterse de súpeto nun equipo imparable para a categoría. E parece utópico pensar que iso vaia suceder facendo o mesmo ou parecido con parecidos ou idénticos protagonistas.

E aí radica outro drama para o deportivismo. Carcomido por unha débeda de máis de 80 millóns de euros herdada de Lendoiro, sen marxe de manobra polos contratos herdados da etapa de Tino Fernández, que pode facer o actual consello de administración? Pouco ou nada se non atopa recursos económicos para poder fichar e tomar decisións deportivas urxentes. Porque o corpiño económico da liga impide inscribir xogadores se o diñeiro non aparece antes. Tócalle a Paco Zas atopar a solución.