A serie «Serramoura» vérase en canles dos Balcáns

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

.

O thriller de suspense policial producido por Voz Audiovisual emitiuse con grande éxito na TVG entre os anos 2014 e 2020

17 oct 2025 . Actualizado a las 16:19 h.

Serramoura, unha das series más exitosas e emblemáticas da Televisión de Galicia, continúa a súa expansión internacional e chegará ás televisións dos países dos Balcáns grazas a un acordo de distribución internacional.

A produción, un thriller de suspense policial producido por Voz Audiovisual para a TVG, emitiuse na canle pública entre os anos 2014 e 2020 con grande éxito. As súas once temporadas completas están dispoñibles en AGalega.gal, a plataforma dixital da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). Ambientada nunha vila galega dedicada á madeira, a serie combina natureza, vida cotiá e tradición cun lado oculto de segredos e conflitos entre dúas familias polo control do negocio madeireiro.

A distribución será xestionada por DEXIN, despois dun acordo alcanzado por The Mediapro Studio Distribution, responsable das vendas internacionais da ficción. Anteriormente a serie galega fora vendida e emitida en canles de Rusia e nos Estados Unidos, neste último baixo o título Black Forest.

Durante a súa emisión foi líder de audiencia en numerosas ocasións e recibiu importantes recoñecementos: gañou durante catro anos consecutivos o Premio Mestre Mateo á Mellor Serie de Televisión e obtivo o Premio Apolo 2018 á Mellor Sintonía. A CSAG segue a dar continuidade á súa estratexia de apoio ao sector audiovisual e desenvolve un intenso labor de internacionalización dos produtos galegos coas vendas a mercados estranxeiros das ficcións feitas en Galicia e por galegos.