«Cando te metes nas estafas do amor, decátaste de que che pode pasar a ti»
TELEVISIÓN

Voz Audiovisual produce «O home perfecto», a nova serie da TVG, que se estrea o 21 de outubro
16 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Dúas mulleres quedan nunha cafetería. Só coincidiron nunha secuencia, pero saben que comparten a mesma historia. Elas son na realidade Alba Loureiro e Elena Seijo. Na ficción, Rebeca e Luísa, dúas das vítimas dun estafador do amor. Esa realidade é a que traslada á pantalla a nova serie de Voz Audiovisual que o próximo martes 21 de outubro, ás 21.50 horas, estrea TVG en formato de capítulo dobre.
«Rebeca é unha muller de 35 anos e é mestra de defensa persoal nunha asociación de vítimas de violencia de xénero. No comezo da serie está facendo un traballo de reconstrución porque ven dun momento moi doloroso», presenta Alba Loureiro ante a atenta mirada da súa compañeira. «Luísa é unha muller madura, de 70 anos, que está nun momento vulnerable. Foi pintora, quedou viúva, abandonou todo polo seu marido e fillos e tamén está reconstruíndo a súa personalidade», di Elena.
Elas representan nesta historia o relato de tantas vítimas deste tipo de enganos. «É moi interesante que, aínda que teñamos idades diferentes, ambas están unidas por esa fraxilidade». Precisamente a situación que aproveita ese home perfecto para conquistalas e manipulalas. «O primeiro que pensei cando lin o guión foi que, cando falas do amor, non hai idade. Es igual de fráxil. A serie non vai estar lonxe do espectador porque todos pasamos por falsidades no amor e a todo o mundo lle vai tocar porque a historia é moi crible», explica Elena Seijo, que participou en producións como Apocalipsis Z ou Los Enviados.
Alba aínda lle dá voltas a todo o que descubriu cando entrou como intérprete nesta realidade. «Escoitara falar destes casos, pero non coñecía esas historias, incluso de galegos, que chegaron a enganar a máis de 70 mulleres. É moita responsabilidade e un orgullo representalas, aínda que os nosos personaxes non estean baseados nunha en concreto. Contamos a súa situación e empatizamos moito con elas», explica a lucense, coñecida polos seus papeis en La zona vacía ou Motel Valkirias. Ao seu carón, asente Elena. Este foi moito máis que un reto interpretativo. «Cando te metes nas estafas do amor, decátaste de que che pode pasar a ti». Alba confirma: «O doado é pensar que non entendes como pode pasar isto, pero hai que romper o estigma e entender a capacidade de manipulación destes estafadores».

Os seus personaxes, Rebeca e Luísa, coñecen ao home perfecto nun momento débil, pero o rechamante destes casos é que estes homes disfrázanse de realidade. «Temos que valorar ás vítimas porque senón facemos o de sempre: son revitimizadas. Para nada son parvas», apunta Seijo. «Para nada», —confirma Loureiro—, «son intelixentes, fortes, seguras de si mesmas, pero estes tipos estudan previamente a cada muller e así van entrando. El dáche o que precisas e ti tes a necesidade de ser amada».
Desas mulleres que encarnan valoran a súa forza, a que tamén valoran das vítimas reais. «Cando están destruídas, teñen a forza de saír adiante e loitar. Son valentes e nós, como actrices, respectámolas e valorámolas», din en sintonía.
A pregunta é obrigada: Como é ese home perfecto? «Luísa chega a un lugar de alegría e diversión cando, como muller, non gozou da súa madurez», explica Elena. «A Rebeca dálle o lugar de escoita que necesita. É ademais un home vulnerable, ao que coidar. Como di un dos personaxes, é tanto á vez que non é ninguén».