Patrocinado porPatrocinado por

A flota española pode volver pescar xarda en Gran Sol

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

PESCA E MARISQUEO

Descarga de xarda en el puerto de Burela (foto de archivo)
Descarga de xarda no porto de Burela (foto de arquivo) PEPA LOSADA

Intercambios de cota con outros países comunitarios permiten reabrir a pesqueira

13 may 2025 . Actualizado á 04:45 h.

A medias de 2,17 euros o quilo, sen impostos nin taxas, cotiza a xarda (cabala, verdel) neste 2025 nas lonxas galegas. Segundo a plataforma oficial PescadeGalicia, o prezo en primeira venda subiu un 53% respecto ao 2024 por estas datas. Grazas a ese incremento a facturación elevouse un 24%, ata 6,3 millóns de euros, a pesar de que as descargas baixaron un 19%, ata 2,87 millóns de quilos. Despois dun mes sen poder capturala, a flota española que faena nos caladoiros coñecidos como Gran Sol pode volver pescar Scomber scombrus.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación reabre a pesqueira «tras acordarse certos intercambios de cota con outros Estado membros». Desde o 10 de maio, para os barcos que faenan nas zonas 8a, 8b, 8d e 8e, ao oeste de Francia e no Cantábrico fóra de augas españolas. Inicialmente os españois podían capturar nesas augas 108.590 quilos, un 22% menos que o ano pasado. Na súa resolución, o ministerio non concreta canta xarda máis conseguiu esta flota. Tampouco aclara se continúa en vigor o límite de 3.000 quilos por buque e día establecidos inicialmente.

Burela segue liderando as vendas

Datos non consolidados de PescadeGalicia indican que a lonxa de Burela segue liderando as vendas de xarda en Galicia, con máis de 916.000 quilos, un prezo medio de 2,30 euros o quilo e unha facturación de 2,11 millóns de euros. Respecto ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 12 de maio do 2024, na rula burelense as descargas deste peixe azul baixaron un 38% e os ingresos subiron un 11% ao incrementarse un 80% a cotización media por quilo.

Ribeira escala este ano ao segundo posto por desembarcos de cabala, con 635.700 quilos, o dobre que no 2024 por estas datas. A Coruña mantense no terceiro, con preto de 617.000 quilos, menos que os 802.000 do ano pasado. E Celeiro descende ao cuarto posto autonómico, con 598.000 quilos, menos que os 820.000 do 2024.