
Os barcos da Mariña poden pescar 494.412 quilos e os asturianos, 1.266.643
24 feb 2025 . Actualizado á 13:43 h.Para as flotas distintas ao arrastre e ao cerco, coñecidas como as de baixura, as cotas de xarda (rincha, cabala, verdel) repártense por provincias, aplicando porcentaxes preestablecidas. A proposta das respectivas federacións de confrarías, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acaba de distribuír as asignadas ás provincias de Lugo e Asturias, sumándolle cantidades que quedaron sen capturar o ano pasado. Entre outras razóns, porque ese peixe azul leva tempo escorréndose dos anzois cos que adoita pescalo a flota de artes menores. Achacan ao cambio climático que se mergulle a máis profundidades, co cal a baixura non consegue collelo. Por se este ano hai máis sorte, xa puedeb empezar a pesqueira.
Desde Pesca apuntan que, «como novidade, permite o acceso á pesca dirixida a todos os buques de artes menores, rasco, volante e palangre de fondo no Cantábrico e Noroeste que teñan porto basee en ambos os territorios». Sosteñen que así permitirá o acceso a máis barcos; entre Lugo e Asturias, 277 de artes menores, 26 de palangre de fondo, 12 de volante de fondo e dous de rasco. En principio, optan por non limitar as capturas.
O ministerio abriuna para os barcos con base en portos da Mariña, a costa lucense, que dispoñen de 494.412 quilos, tras sumarlle aos 458.898 iniciais os sobrantes do ano pasado. O 90?% da cota asígnase á pesca dirixida (444.971) e o 10?% á accesoria (49.441).
Na provincia asturiana, a cota inicial de 1.168.212 quilos sobe ata 1.266.643, dos cales 1.098.430 son para pesca dirixida e 168.212 para accesoria.
«En base á evolución dos consumos e da dispoñibilidade de cota, poderán establecerse medidas de xestión para pautar o consumo da cota de cabala como o establecemento de topes de captura e o peche preventivo da pesqueira», advirte o ministerio. E no caso de que «non se desenvolva de xeito adecuado, valorarase por parte da Secretaria Xeral de Pesca, oído o sector, a aplicación das medidas de xestión oportunas en aras de paliar os efectos negativos que poidan derivarse desta situación».