Conta atrás para aproveitar os 14,6 millóns que reparte Mar en 66 municipios
PESCA E MARISQUEO

Pemes, confrarías, mariñeiros e outros colectivos poden pedir subvencións para proxectos vinculados á pesca
26 feb 2025 . Actualizado á 04:50 h.Dos 371 millóns de euros inicialmente asignados a Galicia no anterior Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), só se investiron 262, quedando 109 sen aproveitar, segundo expuxo a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar no Parlamento galego. O actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) destina 366 millóns á comunidade autónoma. Parte deles xestiónanos os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), onde durante un mes, contado a partir deste 22 de febreiro, «deben poñer os medios persoais e técnicos necesarios» para que as pemes, confrarías, mariñeiros e outros colectivos poidan pedir as subvencións recentemente convocadas, un total de 14,6 millóns de euros a distribuír en 66 municipios.
Aos GALP, entidades colaboradoras de Mar, encoméndalles a «asistencia para presentación electrónicas das solicitudes de axuda e demais documentación». A maiores, a consellería contratou por 1,87 millóns de euros a rede de asesoramento gratuíto É.Mar. Con oficinas en Viveiro, Ferrol, A Coruña, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, persoal de KPMG Asesores debe divulgar as axudas nos sectores da pesca, a acuicultura, a transformación e a comercialización e explicar os investimentos financiables, entre outros.
Contías máximas
Abarcan un amplo e variado abano de iniciativas empresariais e de actividades. Dos 14,6 millóns que Mar prevé distribuír a través dos GALP, o 70% proceden do Fempa e o 30 % da Xunta.
Como norma xeral, as axudas a fondo perdido cobren a metade do investimento considerado subvencionable. Soben ao 60% no caso de organizacións de pescadores e colectivos do sector, e poden chegar ao 100% se son de interese colectivo ou están relacionadas coa pesca costeira artesanal. Mar detalla que os investimentos en centros sociais non superarán os 80.000 euros por proxecto, límite que sobe a 200.000 nas que non estean promovidas polo sector pesqueiro.
Ámbito territorial
Segundo a consellería, os oito GALP «engloban 409 organizacións locais en representación dos sectores económicos, sociais e públicos», pero delas só unha de cada catro pertence ao sector pesqueiro, presente a través de «97 entidades que representan máis de 13.000 persoas traballadoras do mar».
O da Mariña-Ortegal abarca os municipios de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira e Valdoviño. O Golfo Ártabro Norte, os de Ferrol, Neda, Fene, Narón, Ares, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne. O Golfo Ártabro Sur, os de Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña e Arteixo.
O GALP Costa da Morte comprende os territorios da Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Vimianzo e Muxía. O Seo de Fisterra-Ría de Muros Noia: Costa Sostible, os de Fisterra, Corcubión, Cee, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son.
O Ría de Arousa inclúe os municipios de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Catoira, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia e O Grove. O Ría de Pontevedra, os de Meaño, Sanxenxo, Marín, Poio, Pontevedra e Bueu. E o GALP Ría de Vigo-A Guarda, os Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, O Rosal, Oia, Baiona e A Guarda.