Un barco, cando pasa de certas medidas, aseméllase a un edificio de vivendas no que non falta de nada
01 nov 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Un barco, cando pasa de certas medidas, aseméllase a un edificio de vivendas no que non falta de nada, coa diferenza de que, a bordo, ás cousas chámaselle de diferente maneira. A cuberta vén ser o piso que non o tellado; os mamparos dos barcos, coñecidos en galego como anteparos, son as paredes ou tabiques; a sala de máquinas viría ser o sistema central de calefacción e auga quente, e as sentinas poderíanse comparar cos escusados e coa rede de sumidoiros, por citar tan só algunha das equivalencias. E aí o deixo; pois seguro que vostedes atoparán moitas máis; como por exemplo, a palabra caseiro que, nun galego correcto, dise de quen coida a casa e as terras que son doutro, e así pois, nada que ver cun propietario nin cun inquilino. Visto así, os tripulantes dun barco serían caseiros. Quen o diría.
Deixando tales disquisicións sinonímicas, volvamos ao título deste escrito que nos fai baixar ao máis fondo dun barco. Despois dos artigos anteriores nos que mirabamos, coa limpeza dun astrolabio ou dun sextante, ás estrelas, á lúa e os planetas, acheguémonos, aínda limpos, as sentinas. Ese espazo que distintos autores definen máis ou menos así: «A parte máis baixa do interior do casco, á que van parar todas as augas e outros líquidos que, por calquera razón, chegan alí e quedan depositadas entre a quilla, as cadernas, as varengas que as unen e as vagras que reforzan a estrutura de xeito lonxitudinal». Pois aí, nese espazo, cal se fose un sumidoiro, é a onde van parar todas esas augas, normalmente cheas de aceitosa porcallada.
Para que non dubiden que me quedo corto ao falar de porcallada, vexan o que delas, das sentinas, di a RAE, coincidindo co Dicionario da Real Academia Galega: «Lugar cheo de inmundicias e mal olor», «lugar onde abundan os vicios».
Debemos pois prestarlle moita atención ás sentinas e, sobre todo, ao que facer cos líquidos que nelas se acumulan. Desgraciadamente, de todos é ben coñecido o termo «sentinazo»; que vén ser a incualificable maneira de botar ao mar todo canto contén ese lugar cheo de inmundicias ao que se refiren os dicionarios. Pois a outra acepción acerca dos vicios, alá cada quen coa súa conciencia...
E de novo, comparando un barco cun edificio de vivendas, xa me dirán que pensarían dos veciños dese edificio, se descubriran que, pola noite, botaban á rúa mexos, aceites de fritura, restos de caldo de unto có mursio e outras miserias. Pois iso é o que desgraciadamente sucede con moitos dos barcos que tal fan, mesmo en porto que navegando. Como se o mar fose unha depuradora ou máis ben unha cañeira.
Non pensen que esaxero coa comparación. A cousa xa ven de antigo. Lémbrome cando, a mediados dos anos sesenta, a bordo da motonave mixta Benimuslem, recalamos en Nápoles e puiden escoitar o berro «occhio all’acqua!» (equivalente ao castelán ¡agua va!), cando avisaban que ían botar auga desde as ventás ou balcóns. Non quero pensar que clase de líquido era, aínda que mo imaxino. E iso que estamos a falar da cidade có bellissimo slogan Vedi Napoli e poi muori. Naturalmente que morreriamos de asco se eses espesos líquidos nos caesen na cachola. Ben sei que tal cousa xa non sucede, nin en Nápoles nin en parte algunha civilizada. Pero está a suceder no mar en pleno século XXI. E xa vai sendo hora de que a barbaridade dos sentinazos desapareza.
As importantes sentinas, prezados caseiros, armadores, inquilinos ou tripulantes, están precisamente para evitar que os líquidos contaminantes acaben emporcallando as augas: a orixe da nosa vida e do noso futuro, por se algúns non se decataron.