O Consello pacta pagar a renovación de barcos se non é para poder pescar máis
SOMOS MAR
Consenten que desapareza o fondo específico, o Fempa, e se dilúa en varios
30 sep 2026 . Actualizado a las 04:45 h.Os ministros da UE fixaron onte, no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca (Agrifish), a súa postura sobre a pesca e acuicultura no vindeiro orzamento comunitario, marcando as liñas políticas que levarán as negociacións técnicas e financeiras. Os Vintesete apostan pola desexada renovación da frota destinando fondos públicos á modernización, compra e construción de novos buques, sen descoidar a pesca sostible e os compromisos internacionais. Para iso, propoñen introducir salvagardas e compensar a capacidade pesqueira dos novos buques coa retirada de barcos antigos pola mesma cantidade. Así, apunta a presidencia irlandesa da UE, «garántese a sostibilidade ambiental». Porén, o comisario de Pesca, Costas Kadis, non comparte o optimismo dos países. Coincide coa necesidade de renovar a frota, pero teme que a postura do Consello contribúa á sobrepesca. O chipriota amosou dúbidas sobre o encaixe da decisión de destinar fondos europeos á construción de novos buques coas leis europeas sobre competencia e subsidios.
Os fondos pesqueiros formarán parte dos novos plans de colaboración nacional e rexional, substituíndo ao actual instrumento específico para o sector Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) e vencellándose aos fondos agrarios ou de cohesión. Neste consello non se falou sobre a cantidade reservada para a pesca nos novos plans, que a Comisión propón recortar un 67 % respecto ao actual.
O ministro español de Pesca, Luís Planas, afirmou que «temos un bo texto, agora precisamos un bo orzamento para levalo adiante». Planas tamén valorou positivamente que o acordo estea máis orientado ao obxectivo de «apoiar a política pesqueira común e ofrecer respostas eficaces do sector no vindeiro MFP». No eido da renovación da frota, Planas pediu revisar o arqueo e o concepto de capacidade dos barcos para garantir a seguridade, habitabilidade e transición enerxética.
En canto ao acordo con Mauritania, que Planas introduciu no Consello, Kadis dixo que se lle dá a máxima prioridade e, de feito, xa buscou contactos urxentes.
Malas previsións para algunha das cotas que interesan a Galicia
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, pediu dende Bruxelas que os buques de máis de 24 metros poidan recibir axudas no vindeiro orzamento comunitario. Villaverde, que participou no Consello en representación das comunidades autónomas, trasladoulle a Costas Kadis a inquedanza do sector galego polo acordo con Mauritania que expira o 15 de novembro. «É vital para barcos galegos e é moi importante para nós que se renove», declarou. Amais, Villaverde considera positiva a modificación do Fempa, pero chega tarde; «entre que se formaliza esta modificación e se executa, vai ser cando remate o fondo».
Sobre as cotas do 2027, Villaverde amosou inquedanza pola situación da xarda e a bacaladilla. «Esperamos que, para salvagardar a produtividade da nosa frota, se teña en conta non so o ditame científico, senón tamén os datos socioeconómicos», comentou a conselleira de Mar.
O informe do Consello Internacional para a Explotación do Mar (ICES, polas súas siglas en inglés), clave nas decisións da Comisión para propoñer as cotas do ano que ven, publicarase este mércores.