Patrocinado porPatrocinado por

Decepción entre os mariscadores do montón da ría do Burgo pola primeira marea

D. Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

SOMOS MAR

Non acadan os topes, moi reducidos, e denuncian escaseza

10 dic 2025 . Actualizado á 20:37 h.

once mariscadores a pé baixaron este mércores, despois de cinco anos sen traballar, á ría do Burgo. Ás catro e media da tarde volveron decepcionados polas capturas, tanto por cantidade como por tamaño. Non foi un bo inicio para a campaña máis forte do ano, a de Nadal, e o desánimo rende nuns profesionais cunha alta taxa de baixas laborais por unha situación que cualifican como insostible.

«Estou moi descontenta, levamos cinco anos sen traballar, un ano e sete meses sen cobrar despois do dragado e hoxe eu levarei 50 euros», explicaba Cruz Paz Ramiro, mostrando un pequeno saco con ameixas. «Foi moi mala marea, fun a pé, mañá traerei unha rañeta. Antes de ir para o areal andei por fóra, dende a torre Bescansa a onde estaba antes o control en Copigal e collín só dúas xapónicas, está todo furtiveado. Nos areais non sei que fixeron coa dragaxe que cambiou todo o marisco de sitio e sae moito mediano, pero tamaño comercial, moi pouco», sinalaba esta mariscadora, que explicaba que no caso do berberecho «a metade vaime quedar no cribo», aludindo á selección que fan antes de mandalo á depuradora.

«Non hai marisco e aínda que estea ben pagado non facturas», explicaba sobre uns prezos que onte eran de 60 euros para a fina, 35 para a terzada, 25 para a babosa, 15 para a japónica e 5 para o berberecho. Pedía a Xunta e Estado que se preocupen polo sector, porque hai moitos compañeiros de baixa e con depresión. «Que solucionen os bancos que estragaron, tiñamos vinte e pico bancos e todos están afectados menos cinco ou seis. Ademais, paréceme que se sementou moi pouco, pero pasan de nós, somos moi pouquiños votos», sentenciaba. «Non hai», coincidía José Luis Santamaría ao saír do mar, explicando que rastrexou un espazo considerable e só encheu medio capacho. Ningún acadou uns topes xa reducidos, xa que agora se lles permite extraer por permiso 5 quilos dos 3 tipos de ameixa, o que sumaría 15, e 8 de berberecho, cando antes podían retirar 7 de todas as especies e 10 de berberecho.

Non só estrearon nova campaña, tamén espazo onde facer o cribado e o pesado das capturas. Tras perder as súas anteriores instalacións, trasladáronse á Coruña á nave da Conxeladora Coruñesa. Alí escolleron o centenar de quilos que en total sacaron os mariscadores que faenaron, uns 60 de ameixa e entre 30 e 40 de berberecho.  Alí Jennifer Álvarez, vogal dos mariscadores, explica que teñen concedidas 11 mareas este mes e prevén solicitar 14 xornadas en xaneiro.