A conselleira de Mar destaca o liderado de Congalsa no seu sector e a súa aposta pola innovación
SOMOS MAR
Marta Villaverde visitou as instalacións da empresa no polígono da Tomada
20 nov 2025 . Actualizado á 21:25 h.Congalsa é unha firma de referencia na elaboración de produtos marítimos conxelados, como destacou a conselleira de Mar, Marta Villaverde, na visita que este xoves realizou ás instalacións da empresa no polígono industrial da Tomada. Resaltou a representante autonómica a aposta constante da compaña pola innovación, sendo unha das potencias do seu sector tanto a nivel europeo como mundial.
Marta Villaverde puido coñecer de primeira man os procesos produtivos e o compromiso pola sustentabilidade de Congalsa, dous fitos decisivos que lle permiten dar respostas ás necesidades dos consumidores actuais «e que a sitúan como elemento tractor para o desenvolvemento da comarca e a converten nun exemplo da modernización do sector alimentario».
De feito, este mesmo ano a empresa barbancesa foi recoñecida como unha das firmas galegas máis comprometidas coa contorna e as persoas. Así o certificou un estudo no que se analizaron preto dun centenar de compañas cun volume de negocio conxunto superior aos 53.000 millóns de euros e máis de 243.000 traballadores. Congalsa situouse entre as máis puntuadas en áreas crave como persoas, contorna e bo goberno, destacando polo seu crecemento sostido do emprego.
Durante a súa visita ás instalacións da empresa na Tomada, a conselleira lembrou que a Administración autonómica aumentará o próximo ano o presuposto para o impulso da competitividade das pemes de transformación un 5%, para chegar así aos 17 millóns de euros.