O IEO de Vigo demostra que os pingüíns axudan a esparexer a contaminación na Antártida
SOMOS MAR
«A investigación rompe coa idea de que a Antártida é unha contorna inalterada», apunta Begoña Pérez, primeira autora do estudo e investigadora do Instituto Oceanográfico
09 oct 2025 . Actualizado á 11:49 h.Un espazo alleo ao resto dos problemas do planeta, á acción do home e, por tanto, unha contorna inalterada. Esa idea, que ata o de agora se tiña sobre a Antártida, crebouse. Persoal investigador do Instituto Español de Oceanografía de Vigo, en colaboración coas universidades de Santiago, Barcelona e Oviedo, constataron que os pingüíns axudan a esparexer a contaminación, segundo os datos recolleitos nos chans das colonias destes animais nas illas Livingston e Decepción.
Segundo o estudo, publicado na revista Geoderma, hai un enriquecemento significativo en nutrientes, metais como cobre (Cu) e zinc (Zn) e compostos orgánicos como os hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs). Por todo iso aseguran que os pingüíns con capaces de transferir contaminantes desde o medio mariño ata os ecosistemas terrestres. A orixe deses contaminantes está na propia actividade das aves, a influencia da actividade volcánica da illa Decepción e, en menor medida, os humanos que viven nas bases científicas ou acoden por turismo.
Aínda que estes metais non parecen ter efectos nos chans, o temor dos científicos é que se filtren a regatos ou augas costeiras e afecten o plancto, por exemplo, vital na cadea alimentaria mariña, segundo sinala Begoña Pérez, primeira autora do estudo e investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO-CSIC.
O estudo tamén detectou hidrocarburos aromáticos policíclicos, asociados á queima de combustibles fósiis ou petróleo pero que neste caso veñen da actividade volcánica e do guano (excrementos) das aves.
Equilibrio
«Aínda que as concentracións achadas non acadan niveis de alarma e son entre 50 e 1000 veces inferiores aos que xeran efectos tóxicos nos organismos mariños, a investigación rompe coa idea de que a Antártida é unha contorna inalterada», sinala Begoña Pérez.
«Os pingüíns son esenciais para o equilibrio da vida na Antártida, pero tamén poden converterse nunha fonte natural de contaminación nun ambiente extremadamente fráxil», sinala o profesor X.L. Otero, catedrático da Universidade de Santiago e investigador do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais dá USC (CRETUS) e coordinador do estudo.
Cristina García-Hernández e Jesús Ruiz Fernández, profesores do Departamento de Xeografía da Universidade de Oviedo, foron os encargados de realizar traballo de campo e destacan a «extrema fraxilidade dos ecosistemas antárticos».
Recollida de datos
Para facer este estudo realizouse unha campaña nos meses de febreiro e marzo do 2018 en Livingston e Decepción e no arquipélago das Shetland do Sur, ao noroeste da península Antártica. A loxística correu a cargo do proxecto Gronoantar, coordinado por Jesús Ruiz Fernández, profesor do Departamento de Xeografía da Universidade de Oviedo.