Patrocinado porPatrocinado por

Gardacostas precinta un barco da  Guarda cuxa tripulación se desfixo de cacharros retando aos axentes

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

cedida

Os axentes sorprenderon aos mariñeiros do Maresco Tres cos alcatruces nun operativo rutineiro

19 sep 2025 . Actualizado á 19:24 h.

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia incautáronse dunha embarcación de artes menores, o Maresco Tres, con base na Guarda e de dez metros de eslora, a cuxa tripulación os axentes sorprenderon cando estaba a faenar utilizando cacharros, tamén denominados alcatruces, que son elementos de pesca que se empregan para a captura de polbo, pero que están prohibidos nas augas galegas.

Os axentes estaban a realizar un servizo rutineiro pola zona da Guarda cando observaron as prácticas ilícitas do Maresco Tres. Pero cando a embarcación de Gardacostas abarloouse ao pesqueiro de Baiona, os tripulantes do mesmo mostraron unha actitude violenta cos axentes, apuntan desde a Consellería do Mar, retándoos, vociferando e guindando, ademais, os cacharros que tiñan alixados a bordo. É por iso que os gardacostas non poden saber cantos alcatruces levaban no barco nin se se cobraron algunha peza con eses elementos de pesca.

Apoio da Garda Civil

No operativo colaborou o servizo marítimo da Garda Civil, dado que os axentes solicitaron o seu apoio pola resistencia que mostraban os tripulantes. De feito, o barco de artes menores foi escoltado pola embarcación de Gardacostas e pola patrulleira do instituto armado ata o porto de Baiona. Alí permanece amarrado e precintado.

A pesar de que a tripulación se desfixo dos cacharros, Gardacostas dispón de probas gráficas da ilegalidade cometida, polo que se levantará a correspondente acta de denuncia.