Os aparellos son dun armador de baixura e hai un mes produciuse un caso parecido
17 jul 2025 . Actualizado á 21:35 h.A Policía Xudicial da Garda Civil xa o esta investigando. Un incendio presuntamente intencionado calcinou esta mañá por completo un iate que é propiedade dun armador de altura de Aldán e tamén deixou inservibles 500 nasas doutro armador, que se dedica á pesca de baixura nunha de ríaas máis fecundas en marisco. A Garda Civil está a investigar as causas do lume que se iniciou nas nasas e propagouse ao barco calcinándoo por completo. Axentes da policía científica da Garda Cvil iniciaron a investigación e xa falaron con persoas que se atopaban preto do lugar do sinistro, no porto de Vilariño. Os pescadores da confraría de Aldán advertiron o lume sobre as 10.35 da mañá, segundo o patrón maior. A esa hora foron avisados os directivos da confraría de que estaban a arder unha nasas e un barco de recreo. O propietario do iate de 13 metros é moi afeccionado á pesca e adoita usalo para capturar bonitos da costeiro, un peixe moi valorado e que se acha en plena tempada.
Dadas as dimensións do barco de recreo, segundo fontes do sector, pode estar valorado en 300.000 euros, aínda que son cálculos estimativos. Non é a primeira vez que sucede un caso similar na zona de Aldán. No mes de xuño, o día 13 durante a festividade de San Antonio, produciuse un sinistro similar na zona de Aldán no que arderon numerosas nasas. Por iso os pescadores pensan que o lume desta mañá podería ser provocado xa que, segundo constatou o patrón maior Juan Manuel Gregorio, «ás nove da mañá esta chovendo en Vilariño e as nasas estaban molladas polo cal non era doado que ardesen por si soas».
O servizo de emerxencias do 112 Galicia recibiu a alerta pasadas as 10 horas cando un particular informou de que unhas nasas estaban a arder na zona portuaria e que as chamas se estenderon ata acadar o iate de recreo. O raro é que as nasas estaban no peirao sobre terra e o barco estaba abaixo fondeado na auga da ría.