750.000 euros para proxectos sociais dos grupos galegos de acción pesqueira
SOMOS MAR

Mar ofréceos para cofinanciar iniciativas como a promoción do peixe ou o turismo mariñeiro, entre outras
04 jul 2025 . Actualizado á 04:55 h.Cooperando entre eles ou cos de España ou outros países, aínda que tamén con entidades locais, asociacións, fundacións ou empresarios, os oito grupos galegos de acción local do sector pesqueiro (GALP) poden recibir ata 200.000 euros para cofinanciar proxectos de interese social vinculados ao mar. Este ano e o próximo, a Consellería do Mar prevé repartir 750.000 euros, o 70% do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e o 30 % da Xunta.
Entre as iniciativas subvencionables, promoción do consumo de produtos do mar, turismo mariñeiro, conexión de actividades náuticas coa pesca, valorización do patrimonio cultural, dignificación dos oficios do mar ou empoderamento das mulleres no sector. Tamén mellora da gobernanza das confrarías, novos usos para os recursos mariños e proxectos para fomentar a substitución xeracional na pesca ou de igualdade e inclusión social.
Como norma xeral, a subvención será do 50%, pero poderá chegar ao 100% se os proxectos son de interese colectivo, explica Mar no anuncio da convocatoria.