
A naviera non tiña unha rampla pola que o veciño de Nigrán, en cadeira de rodas, puidese subir a bordo. «De non ser polos demais pasaxeiros deixaríannos en terra», conta a súa irmá
01 jul 2025 . Actualizado á 01:19 h.Nacho, usuario da Asociación de Familias e Persoas con Parálise Cerebral (Apamp), e a súa irmá Miriam non entendían onte como unha naviera que ofrece un servizo regular entre Vigo e Cangas non tiña unha rampla pola que a súa cadeira de rodas puidese subir ao barco. «Dixéronnos que nos tiñamos que quedar en terra», contan. «Foi unha experiencia moi mala. Non pensan en nós», engade Nacho. O acceso era de madeira, con desniveis e unha pendente que o motor da cadeira de Nacho non podía subir. A tripulación non lle daba ningunha solución. Miriam vía a rampla de metal que necesitaba o seu irmán alí ao lado, pero estaba pechada cun cadeado. «Dicían que perderan as chaves», continúa. Querían irse sen eles, pero o resto de pasaxeiros non o permitiu. «Se Nacho non sobe, nós tampouco», berraron varios. Todos se plantaron contra a naviera ata que chegou un barco de Cíes, que si tiña as chaves da rampla de metal, e puideron subir. «De non ser por eles deixaríannos en terra», di Miriam.
Nacho vive na residencia da Apamp en Vigo, pero móvese de forma autónoma na súa cadeira de rodas para visitar os seus pais en Nigrán e á súa irmá Miriam en Cangas. Móvese sempre en transporte público. «Cando vén aquí eu vou ata Vigo para acompañalo no barco», conta Miriam, que xa se temía o peor cando chegou ao porto ás 11.00 horas. «Tiñan posta a rampla de madeira e eu aviseilles que ía vir Nacho», conta. Pediulles que colocasen a de metal, pero o tripulante «respondeu con moi malas formas», indica. Subiu e, pouco despois, o capitán falou con ela para pedirlle desculpas. En Vigo non tiveron problemas e Nacho subiu ao barco como fai sempre. Ao chegar a Cangas, a rampla de madeira seguía alí. Baixárono coa axuda de tres tripulantes porque «a marea estaba baixa e non había tanta pendente, pero xa non me gustou nada o detalle», continúa.

Nacho e a súa irmá temíanse o peor e así foi. Ás 19.00 horas volveron atopar a rampla de madeira. «Que impotencia. Non entendo como pode pasar isto», lamenta Miriam, que xa presentou unha reclamación e tamén foi á Xunta a contar o que pasara. «Non me saco a dor de cabeza do desgusto e a impotencia», indica. Tampouco ten palabras para agradecer a solidariedade do resto de pasaxeiros. Nacho tampouco os esquece. «Moitas grazas por todo. O voso apoio foi moi importante», di. El tampouco perdeu a calma mentres agardaba. Por desgraza, non é a primeira vez que lle pasa algo así. Varios condutores do bus que une Vigo con Nigrán negábanse a sacar unha rampla de acceso para non perder tempo, pero «iso xa hai anos que está solucionado», contan. «Non queda outra que seguir, pero a sociedade ten que entender que isto é un dereito universal», engade.
O máis «indignante» para os dous foi ver que a rampla de metal estaba alí ao lado. «Non entendo como non pode ser accesible e que non teña unha chave», indica. Miriam conta que ante a presión dos pasaxeiros un dos tripulantes intentou romper a cadea cuns alicates: «En fin surrealista», di a irmá de Nacho.
Desde Apamp tamén quixeron expresar «o noso profundo malestar» ante a situación e esixen á empresa responsable do transporte de ría que «tome medidas inmediatas e contundentes para garantir a plena accesibilidade de todas as súas embarcacións e servizos. Isto inclúe a revisión e mellora de todas as infraestruturas, a capacitación do persoal para unha atención inclusiva e o estrito cumprimento da normativa sobre accesibilidade universal». Ademais, tamén instan as autoridades competentes a que supervisen de preto estas situacións e actúen con firmeza para asegurar que este tipo de incidentes non se repitan. A súa idea agora é denunciar onda a Confederación Aspace.