Os científicos contan os tobos de lagostinos que hai de Fisterra a Cedeira
SOMOS MAR

A campaña de carácter multidisciplinar do IEO tratará de recompilar información sobre a endogamia da especie, a súa alimentación e a súa reprodución
28 jun 2025 . Actualizado á 04:50 h.Investigadores dos centros da Coruña, Vigo, Cádiz e Xixón do Instituto Español de Oceanografía (IEO) están envolvidos na campaña multidisciplinar ISUNEP25, que investiga a abundancia de lagostino (Nephrops norvegicus) no caladoiro galego. É a campaña que substitúe á Caracas, que durante varios anos realizou o IEO con barcos da Coruña, só que esta tiña carácter comercial e a de agora realízase con cámaras submarinas, o que permite identificar e cuantificar os tobos activos de lagostino sen impactar tanto no fondo mariño.
Mediante unha zorra equipada con cámaras e sensores, recolleranse imaxes da superficie bentónica para determinar canta lagostino hai e como está distribuída no stock de Galicia norte, que abarca uns 5.800 quilómetros cadrados entre Fisterra e Cedeira. Ademais do número, na campaña recompilaranse datos sobre as especies e as variables ambientais do hábitat no que se desenvolven. Datos que permitirán obter información non só sobre a reprodución e a alimentación da especie, senón tamén comprobar a endogamia deste crustáceo. E, de paso, cuantificar os residuos que hai onde habitan.
Todo isto poderá saberse polas mostras que recollan mediante un patín epibentónico, un equipo especializado que se desliza polo leito mariño, explica o IEO nun comunicado.
Esta metodoloxía —a de gravar imaxes de zonas planificadas para cubrir toda a área da campaña— emprégase no 60% dos stock de lagostino do Atlántico e é a que recomenda o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES, polas súas siglas en inglés), o organismo científico que asesora á Comisión Europea.
Entre os investigadores hai expertos en bentos —os organismos que viven no fondo mariño—, que se encargarán de analizar o sedimento da área mediante mostraxes con dragas. Tamén participa un grupo de xeólogos, que se ocuparán de realizar unha análise integral de alta resolución do fondo mariño para caracterizar os fondos onde se atopa a especie.
Trátase, por tanto, dunha «campaña multidisciplinar permitirá estimar a abundancia de cigarra dun xeito directo, xa que as estimacións provenientes dos datos pesqueiros poden estar condicionadas polos ciclos diarios e estacionais de refuxio das cigarras nos tobos ou polas especies obxectivo de cada marea de pesca», explica Isabel Herráiz, investigadora do Centro Oceanográfico da Coruña e responsable do proxecto ISUNEP25.