Patrocinado porPatrocinado por

O tirón de San António eleva o prezo da sardiña, que pasou dos tres euros nas lonxas

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

CARMELA QUEIJEIRO

As pescantinas están pendentes de se o luns 23 disporán da especie fresca ou a última será a do venres anterior

13 jun 2025 . Actualizado á 04:45 h.

Aínda que é o patrón de Lisboa, todo Portugal celebra hoxe san António. E farao de forma similar a como os galegos festexan san Xoán: con fogueiras e mollando o pan con sardiñas. Moitas das que esta noite consumiron os portugueses saíran de Galicia. E de onde a flota agarda que saian máis porque a festa segue toda a fin de semana. Na Coruña, as sardiñas que chegaron a tempo para que saíse o camión con peixe para Portugal pagáronse a 3,37 euros o quilo. E o mínimo non baixou de 1,10. A media desas dez toneladas que se venderon no Muro —capturadas por 7 barcos— quedou en 2,48 euros, cando no que vai de mes estaba en 1,50 (1,17 na Coruña).

En Ribeira poxáronse 18.638 quilos, que se pagaron a unha media de 2,20. O máximo superou o da Coruña: 3,50 euros. En Portosín, as cotizacións oscilaron entre 3,03 e 1,50 euros. No mercado de Carballo, as sardiñas que capturou un barco de racú na zona de Sada vendíanse onte a 7 e 6 euros. Que haxa pouca, porque moitos barcos aínda están na costeiro da anchoa no Cantábrico, tamén inflúe neses prezos altos.

No mercado coruñés da praza de Lugo a sardiña vendeuse este xoves entre 5 e 6 euros o quilo, «o prezo normal», comentaron as peixeiras, que descoñecen se se abrirá o luns 23, véspera de San Xoán. «Dependerá de se hai ou non sardiña, non cremos que haxa moita», indicou a responsable de Peixes Teri Galán. No seu caso, di que, como os barcos de cerco non prevén saír a fin de semana previa á noite meiga, as últimas sardiñas venderanse o sábado anterior, pescadas o venres. «Se compra eses días, o que aconsellamos é conxelala e xa», apuntou a profesional. Coincide con ela a responsable de Peixes Beatriz.

Noite de churrascadas

No caso de que esa xornada chegue sardiña á lonxa, prevén que non sexa de cerco. «Será de xeito, que non é mala, é bo, pero adoita chegar mesturada na rede con outros peixes polo que pode quedar máis branda». Ten claro que prefire non vendela «que facelo a prezo caro, porque a última vez que coincidiu luns a festa chegou a 20 euros o quilo, como para que logo algún cliente dígame que lle saíu mala!». Desde a praza adiantaron que moitos xa farán sardiñadas esta fin de semana «e a noite do 23, churrascadas».