Patrocinado porPatrocinado por

O bo produto en mans dos mellores chef

Ramón Ares Noal
X. Noal LA VOZ

SOMOS MAR

pablo praza

As degustacións multiplicáronse entre as salas da Consellería, o Aula Gourmets e o pavillón de Alimentos de España

18 abr 2025 . Actualizado á 14:17 h.

Os produtos do mar de Galicia teñen unha merecida boa fama, e non é que o diga un galego, senón que se trata dun argumento recorrente nas feiras ás que acode o pavillón institucional da Xunta, que non só divulga as bonanzas dos froitos do mar, senón que dá todas as facilidades para o goce dos padais, xa que deixa en mans dos mellores chef as elaboracións. Na singular sala de catas da Consellería do Mar sucedéronse as degustacións durante a feira, pero na edición do 2025, as oportunidades de aproximarse ao produto das costas do noroeste peninsular multiplicáronse, xa que, a maiores, foi posible participar nos showcooking que se realizaron o Día da Cociña Atlántica que se desenvolveu no espazo da Aula Gourmets durante toda a xornada do mércores. A estes sumáronse outras presentacións que tiveron por escenario ao pavillón de Alimentos de España, e sen contar aquelas probas que facilitaron os coexpositores da caseta institucional e as outras das firmas que acudiron con instalación propia.

Na aula de catas da Consellería do Mar as citas abríronse coa pescada do petisco de Burela e o bonito do norte, en colaboración coa OPP Pesqueiros do Porto de Burela e armadores da mesma poboación, cuxo peixe se encargou de elaborar Emma Pinal, do Gastrobar Ou Birrán, de Ribadavia. Colleu a testemuña o taller de diferenciación de especies Parecidos Razoables, con Criselda Iglesias, de Espazo Gastronómico Remollo, de Ames, aos fogóns. O primeiro día, pechou as degustacións o rodaballo de acuicultura, cedido por Prodemar e empratado por Marcos Arufe, do Remollo.

O martes foi Diego Domínguez, tamén do Remollo, o encargado de preparar o bivalvo da DOP Mexillón de Galicia, mentres que Emma Pinal asumía a responsabilidade dos pratos de Peixarías; Criselda Iglesias, do peixe de Orpagu, os palangreiros da Guarda; Marcos Cabanas, chef dA Oliveira, de Narón, do produto de proximidade con selo propio; e Emma Pinal volvía porse a cargo das elaboracións co peixe conxelado de Conxemar.

MONCHO ARES

O mércores, último día de degustacións na sala de catas, abrían as conservas de Anfaco, empratadas por Flavio Morganti, de Domenica Ostería, de Ourense; e Miguel Vidal, do Bancal, de Madrid, cociñaba especies da pesca artesanal.

Outros escenarios

O mesmo mércores, no marco do Día da Cociña Atlántica, o cociñeiro Miguel Fernández falou das bateas e do único produto de mar de España con DOP, Mexillón de Galicia, para pechar cun showcooking. Tras el, subiuse ao escenario Javier Olleros, da dobre estrela Michelin Culler de Pau, que transmitiu o valor do pequeno para transformalo en grande, pechando cunha degustación. Cata a Lata de Anfaco tamén tivo protagonismo aquí e correspondeu a Álvaro Vilasante preparar o aperitivo; mentres que outra das mellores cociñeiras de Galicia, Lucía Freitas, falou da importancia da muller na gastronomía galega, na que ten un papel fundamental, desde a produción ata na elaboración. Concluíu cun showcooking a base de produtos de mar e terra.

E o terceiro escenario fixo foi o pavillón de Alimentos de España, onde Anfaco-Cecopesca desmontou mitos sobre a conserva, con elaboracións do chef Marcos Cabanas; e Conxemar fixo o propio cos conxelados, de cuxa preparación se encargou Diego Domínguez.