Reflotarán o iate de luxo no que morreron millonarios ao naufragar en Sicilia
SOMOS MAR
O Reino Unido trata de pescudar por que afundiu o Bayesian, que xace a uns 50 metros de profundidade
17 abr 2025 . Actualizado á 04:45 h.O iate de luxo Bayesian, de 56 metros de eslora, foise a pique no medio dunha tormenta cando estaba fondeado fronte a Porticello, en Palermo (Sicilia). Sucedeu na madrugada do 19 de agosto do 2024, cando perderon a vida un dos dez membros da tripulación, o cociñeiro Recaldo Thomas, e seis dos doce pasaxeiros: o magnate Mike Lynch, bautizado como o «Bill Gates británico» e fundador e presidente da tecnolóxica Autonomy, a súa filla Hannah; así como os tamén millonarios Jonathan Bloomer, presidente do banco Morgan Stanley International, e a súa esposa Judy; ademais do avogado Chris Morvillo e a súa esposa Neda. Se días despois o fiscal italiano encargado do caso anunciaba a intención de reflotar o navío para intentar esclarecer as causas do sinistro, o Reino Unido acaba de confirmar que está previsto iniciar a recuperación o próximo día 26, con intención que remolcalo a terra a finais de maio.
Simon Graves, investigador principal da División de Investigación de Accidentes Marítimos (MAIB) do Reino Unido, avanzou a decisión e as datas durante unha vista xudicial celebrada este 15 de abril nun tribuna do Suffolk, no sueste británico. Da información faise eco axénciaa Efe, que tamén indica que o Bayesian estaba rexistrado na Illa de Man, de aí a intervención das autoridades británicas.
Graves dixo confiar en que a MAIB poida divulgar un informe provisional dentro de catro ou seis semanas e que o final se publicaría despois de que se inspeccione o buque en busca de probas, engade Efe. «Estamos nunha etapa relativamente temperá da nosa investigación», declarou, aínda que aclarou xa fixeron unha «cantidade significativa de traballo». Entre eles, estudos da «estabilidade e a resistencia do buque ante o vento» e as condicións meteorolóxicas cando sucedeu o naufraxio.
Dirixida polo xuíz forense Nigel Parsley, a investigación xudicial no Reino Unido intenta esclarecer as causas dun naufraxio que se saldou con sete falecidos, catro deles británicos, e quince sobreviventes. Efe engade que Parsley apuntou setembro ou outubro como probables datas do informe provisional da MAIB, co que se retomarían as pescudas xudiciais.
Días despois de irse a pique o Bayesian, as autoridades italianas detiveron e imputaron por presuntos homicidios e neglixencia ao capitán do veleiro, James Cutfield, ao primeiro oficial de máquinas Tim Parker Eaton e a outro membro da tripulación, Matthew Griffith, segundo as informacións difundidas no seu momento.